A Xunta celebra a primeira reunión do grupo de traballo co concello de Vigo co obxectivo de reforzar o acceso á vivenda protexida

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou esta mañá neste encontro

Na xuntanza presentáronse os equipos da Xunta e do Concello e a folla de ruta coa que traballarán para desenvolver actuacións e medidas en materia de vivenda no municipio

Martínez Allegue incidiu en resolver desde o consenso esta “gran demanda cidadá”, que é o acceso á vivenda, tanto pública como protexida ou libre, xa sexa en réxime de compra ou de alugueiro

Subliñou tamén a coordinación en materia de urbanismo, xa que o Concello está a tramitar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, unha figura fundamental para o desenvolvemento de vivendas 

Vigo, 30 de xullo de 2024

A Xunta celebra a primeira reunión do grupo de traballo co Concello de Vigo co obxectivo de reforzar o acceso á vivenda protexida.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou esta mañá neste encontro de traballo.

Martínez Allegue valorou positivamente esta reunión, que se levou a cabo nun clima de cordialidade e permitiu presentar os equipos autonómico e municipal que traballarán nos vindeiros meses a prol das medidas necesarias no ámbito da vivenda no Concello de Vigo.

Na reunión de hoxe marcouse a folla de ruta a desenvolver, así como o calendario previsto para o impulso das distintas actuacións no eido da vivenda.

Fixo fincapé na necesidade de acadar o consenso entre ambas administracións, que deberán coordinarse para resolver esta “gran demanda dos cidadáns: a vivenda”. Puntualizou que o fin é favorecer o acceso da sociedade á vivenda, tanto pública como protexida ou libre, en réxime de compra ou de alugueiro.

Tamén se acordou continuar coa coordinación en materia de urbanismo, xa que o Concello está a tramitar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que será aprobado proximamente. Neste sentido, trátase dunha figura fundamental para o desenvolvemento de vivendas no municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024