A Xunta destaca os beneficios da eficiencia enerxética na mellora da competitividade do sector mineiro galego
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe a empresa Francisco Lemos Romero, especializada na extracción de granito ornamental
A sociedade de O Porriño é unha das beneficiarias da liña de axudas que convoca a Xunta para promover o aforro e a eficiencia enerxética no tecido empresarial
As novas achegas poden solicitarse ata o vindeiro 15 de setembro
O Porriño (Pontevedra), 1 de agosto de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe a empresa Francisco Lemos Romero, especializada na extracción de granito ornamental. A firma, localizada en O Porriño (Pontevedra), foi unha das empresas galegas beneficiarias en anos anteriores da liña de axudas que, novamente este ano, a Xunta convoca para promover o aforro e a eficiencia enerxética no tecido empresarial.
A nova convocatoria da Consellería de Economía e Industria realizada a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que conta cun orzamento total de 7,5M€, está actualmente aberta e as empresas poden solicitar as axudas ata o vindeiro 15 de setembro. Con esta medida, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa operativo Feder- Galicia 2021-2027, o Goberno autonómico estima que contribuirá a xerar nas empresas aforros de ata 4,5M€ ao ano na factura enerxética.
Ademais, a Xunta prevé mobilizar ata 30M€ en investimento público-privado, así como a creación ou mantemento de 173 postos de traballo, entre directos e indirectos. Máis alá da rebaixa económica na factura, as axudas convocadas tamén permitirán un aforro anual de enerxía equivalente a 5,1 millóns de litros de gasóleo (52.000 MWh/ano) e unha redución de emisións equivalente á plantación de 825.000 árbores (16.500 t).
Na visita de hoxe, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas destacou as sinerxías e os beneficios da eficiencia enerxética no sector mineiro galego e resaltou que Francisco Lemos Romero é un exemplo de empresa comprometida coa transición enerxética. A firma resultou beneficiaria da liña de axudas do pasado ano, no que acometeu dúas actuacións de mellora na eficiencia enerxética cun investimento de 66.000 euros, e onde a Xunta achegou máis do 50%.