A Xunta destina 454.500€ a equipamento de emerxencias para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil
A convocatoria, que sae publicada hoxe no DOG, vai destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con estes colectivos
A adquisición está cofinanciada polos fondos europeos do programa Feder 2021-2027
Entre o material que se cederá figuran 28 kits de material loxístico de seguridade viaria, 28 kits de ferramentas eléctricas, 11 remolques e 21 tendas de campaña
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC)
A convocatoria, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027, conta cun orzamento de case 454.500 euros, distribuídos en catro lotes. En concreto, cederanse 28 kits de material loxístico de seguridade viaria, 28 kits de ferramentas eléctricas, 11 remolques e 21 tendas de campaña para atención ás emerxencias.
As entidades locais cunha poboación menor a 50.000 habitantes que cumpran as condicións estipuladas poderán optar a este equipamento específico para os seus labores de emerxencias. As solicitudes deberán presentarse desde mañá e no prazo dun mes a través da sede electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal).
Esta convocatoria forma parte das actuacións da Xunta dirixidas a dotar do equipamento necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, de maneira que poidan levar a cabo a súa actividade con eficacia e seguridade.
Cómpre lembrar que nos últimos anos, o Goberno galego leva investidos máis de 27 millóns de euros en equipamento aos servizos de emerxencias da comunidade como estas AVPC ou os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).
No caso das AVPC, esta orde complementa a outra anual de 340.000 euros que se destina a sufragar os seus gastos de funcionamento e da que xa se publicou a resolución con case 200 colectivos beneficiarios.