A Xunta apoia a contratación de socorristas en 185 concellos, un 20% máis que en 2023
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou Laxe, un dos concellos beneficiarios da orde de axudas dotada con 1,5M€
O incremento dos supostos de financiamento na convocatoria deste ano fixo que un maior número de localidades se interesasen polas axudas e puidesen optar a elas
A través desta medida enmarcada no compromiso coas administracións locais, o Goberno galego financia entre o 50 e o 75% dos gastos de contratación deste servizo de competencia municipal
Laxe (A Coruña), 2 de agosto de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Laxe para comprobar o traballo realizado polo servizo de socorrismo contratado co apoio da Xunta.
Segundo informou o conselleiro, a cifra de concellos beneficiados nesta liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros ascende a 185, o total dos que a solicitaron e un 20% máis que no ano anterior cando foran 155 beneficiarios.
Por provincias, beneficiaranse destas subvencións 53 municipios da provincia da Coruña como o de Laxe, 39 na de Lugo, 57 na de Ourense e 36 na de Pontevedra.
Diego Calvo destacou que a ampliación dos supostos de financiamento na convocatoria de 2024 fixo que un maior número de concellos se interesasen polas subvencións e tivesen opción de recibilas. Así, sinalou que entre as principais novidades, a convocatoria subvenciona os custos salariais no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro para a contratación de persoal dedicado á prestación de servizos de vixilancia, rescate e salvamento en instalación acuáticas descubertas de titularidade municipal ou espazos acuáticos naturais situados no ámbito territorial do municipio.
Ademais, a diferenza de convocatorias anteriores nas que se esixía ao persoal estar en situación de desemprego e figurar no Servizo Público de Emprego, amplíase a cobertura a outros dous supostos: tanto persoal propio da entidade local destinado a este servizo como a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento a través dunha empresa externa. O conselleiro lembrou que en todo caso, as persoas que exerzan esta actividade deben estar dados de alta no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.
Axudas de ata 35.000€
Dos 185 concellos beneficiados e segundo os criterios de puntuación establecidos na orde de axudas, oito recibirán o 75% dos gastos para a contratación de socorristas, con ata 35.000 euros, outros nove recibirán o 65%, con ata 22.165 euros, e 25 -entre eles Laxe- o 60%, con ata 15.000 euros. Os 143 restantes recibirán o 50% do orzamento presentado, con ata 10.000 euros.
Así, pese a que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, a Xunta, no marco do seu compromiso coas administracións locais, contribúe a fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia, como é a tempada estival. Por outra banda, a Xunta tamén regula a formación que deben reunir estes profesionais.
Nesta liña, en 2021 aprobouse un decreto -en consenso coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Cruz Vermella e outras entidades- que ampliou e flexibilizou as vías de acceso para traballar como socorristas e en 2023 aprobáronse novas modificacións -tamén consensuadas coa Fegamp e as asociacións e colectivos que traballan neste ámbito- para incrementar aínda máis as vías de acceso e as entidades capacitadas para a formación.
Cómpre lembrar que, tamén de cara a época estival, a Xunta conta con outras medidas para garantir a seguridade nos municipios máis turísticos como é o caso das subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local.
Máis de 100.000€ investidos este ano en Laxe
No que se refire ao concello de Laxe, a axuda da Xunta para a contratación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento na praia e na piscina municipal foi de 15.000 euros, que se suman aos 105.000 concedidos este ano no marco doutras liñas de axudas. Así, ao abeiro da orde de infraestruturas vaise mellorar a envolvente da escola unitaria de Traba e no marco do Fondo de Compensación Ambiental reforzarase o equipamento para a protección do medio natural.
Ademais, o concello recibirá do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local preto de 48.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética do pavillón e do campo de fútbol municipal, entre outras achegas. O conxunto das contías destinadas a Laxe a través das distintas liñas de apoio ao eido local suman nos últimos anos 368.000 euros.