A Xunta e a Cámara Oficial Mineira de Galicia reforzan a posta en valor do patrimonio mineiro galego

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe os cargadoiros de mineral de Rande e do Coto Wagner nunha ruta de nove millas en barco pola ría de Vigo

O Programa de Roteiros de revalorización do patrimonio mineiro galego, no que participa o Goberno autonómico, proxecta un itinerario para cada provincia galega

Vigo, 3 de agosto de 2024 O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, realizou hoxe unha ruta de nove millas en barco pola ría de Vigo na que destacou os cargadoiros de mineral de Rande e do Coto Wagner, localizados en Redondela, coma exemplo do patrimonio mineiro galego.

Durante a visita, Fernández Vila, os representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia e demais participantes, observaron desde o mar as dúas infraestruturas que constitúen unha referencia da arquitectura portuaria do século XX e do seu uso en relación coa minaría, o comercio e a exportación de materiais de Galicia e, incluso, de Castela e León.  

Este itinerario, desde o Club Náutico de Vigo ata a zona da ponte de Rande, encádrase dentro do convenio que a Consellería de Economía e Industria asinou coa Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) para a realización de actuacións específicas de fomento da minaría sostible. Unha das liñas do convenio é o Programa de Roteiros de revalorización do patrimonio mineiro galego, que proxecta unha ruta por cada provincia galega cunha achega de 18.000 euros.

Todo isto para afrontar un dos obxectivos estratéxicos da Axenda de Impulso de Minaría Sostible de Galicia 2030, que pretende alcanzar a integración ambiental, impulsar a economía circular e poñer en valor o patrimonio mineiro galego. Nesta liña de revalorización, o convenio tamén inclúe outras accións como a actualización da plataforma do propio patrimonio mineiro ou a creación de tótems en puntos de interese mineiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2024