Lara Meneses salienta o lecer saúdable e de contacto coa natureza dos campamentos de verán da Xunta
Illa de Ons (Bueu), 5 de agosto de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe os 60 nenos e nenas que desfrutan dunha semana no campamento Illa Marabilla, organizado pola Xunta de Galicia na Illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Nesta iniciativa, os participantes combinan as rutas de sendeirismo e aventuras na natureza con actividades náuticas e de praia, coma snorkel ou paddle surf.
Tendo en conta estas propostas, a representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a importancia de ofrecer oportunidades e experiencias saudables e de lecer que manteñan a cativada galega en contacto coa natureza. Tamén lembrou que este campamento forma parte da campaña O teu mellor verán, programa da Xunta de Galicia que destina entre os meses de xullo, agosto e setembro un total de 11.533 prazas a actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.