A Cidade da Cultura viaxa a un futuro experimental do folclore andaluz coa estrea de ‘Brutalismo. Unha danza para concerto’

O proxecto do músico Isabel do Diego, que se pon en escena da man da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, emprega unha electrónica minimalista que nace da interacción do corpo con catro novos instrumentos musicais

Os temas foron compostos no Gaiás e no Centro Dramático Galego no verán de 2025 dentro das Residencias Paraíso co apoio da Xunta de Galicia

A actuación será o sábado 17 de outubro e as entradas están á venda no Museo Gaiás e en Ataquilla

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude programa na Cidade da Cultura o sábado 17 de outubro Brutalismo. Unha danza para concerto, un espectáculo de artes vivas co que o artista andaluz Isabel do Diego pecha sete anos de investigación e experimentación entre o folclore e a electrónica. Concibido primeiro como un EP de seis temas orixinais, Brutalismo explora as prácticas máis atávicas da música e do baile tradicionais para levalos ao século XXI tomando o corpo como instrumento total.

O disco foi composto no verán de 2025 entre as instalacións do Gaiás e do Salón Teatro do Centro Dramático Galego durante as Residencias Paraíso, programa de impulso á danza e ás artes vivas creado polo Colectivo RMP co apoio da Xunta de Galicia. Nesta estadía, Isabel do Diego deseñou tamén os catro novos dispositivos musicais que empregará no seu directo: pilares, viga, corva e veleta.

Construídos a partir de madeira virxe e aceiro cromado conectados a software, estes innovadores instrumentos reaccionan ao tacto e ás oscilacións no aire, traducindo a música o movemento. Na súa posta en escena, Isabel do Diego transita entre o humano, o animal e o espiritual, cunha voz mutante de murmurios electrónicos.

Aposta en escena en vivo de Brutalismo será o sábado 17 de outubro ás 19,00 horas no Auditorio 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura. As entradas pódense adquirir no Museo Gaiás e en Ataquilla a un prezo de 5 euros, con descontos aplicables para colectivos especiais.

O folclore andaluz do futuro

Isabel Do Diego –alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada– desenvolveu nos últimos anos un intenso traballo de experimentación e análise ao redor das orixes e do futuro do folclore andaluz. Con seis discos (dous álbums, dous EPs e un concerto gravado en formato vinilo) deu forma a un universo que mestura cantos tradicionais, sonoridades quebradas, beats e sintetizadores. Unha achega ao folclore desde o misterio e o rito que busca transcender os límites da melodía e da carne.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/10/2026