A Xunta aproba definitivamente o PXOM do concello ourensán de Baltar
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe o documento na súa visita ao concello ourensán, que se converte no 123 de Galicia en contar cun planeamento urbanístico adaptado
A Xunta financiou con máis de 105.000€ a redacción deste novo PXOM, o primeiro aprobado polo Goberno galego nesta lexislatura
O novo plan dispón varias bolsas de solo dotacional, que posibilitarán a implantación de novos servizos para cubrir as necesidades do concello
Baltar (Ourense), 6 de agosto de 2024
O municipio de Baltar, en Ourense, convértese no concello número 123 de Galicia en contar con planeamento urbanístico, trala aprobación definitiva do seu primeiro PXOM, que hoxe asinou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na súa visita ao concello. Trátase do primeiro PXOM aprobado nesta nova lexislatura.
Ata agora, Baltar non contaba con plan xeral, pero si con seis delimitacións de Solo de Núcleo Rural. A Xunta financiou con máis de 105.000€ a redacción deste novo documento que fixa as directrices e permitirá o desenvolvemento urbanístico deste municipio.
O novo PXOM deste concello de 94,5km2 e unha poboación de 884 habitantes delimita como solo rústico o 98% do territorio, mentres que un 1,34% é solo de núcleo rural e un 0,22% solo urbanizable. Ademais, ten unha previsión de 75.111 metros cadrados destinados a espazos libres e zonas verdes e outros 33.571m2 dentro do sistema de equipamento comunitario.
Bolsas de solo dotacional para novos servizos
Os obxectivos específicos marcados no Plan Xeral buscan reafirmar Baltar como o centro comercial e social do concello, no que se aglutinan a maior parte dos servizos xerais como son os educativos, sanitarios ou administrativos.
Para iso, o PXOM dispón varias bolsas de solo dotacional, que posibilitarán a implantación de novos servizos que virán cubrir as necesidades actuais do concello.
Ademais, o planeamento busca procurar a sustentabilidade do medio rural, potenciando o establecemento da poboación mediante o uso do territorio e conforme os seus valores produtivos. Deste xeito, perséguese tamén impulsar actividades de tipo empresarial ou industrial como alternativas viables fronte o sector primario, creando un soporte físico apropiado para o seu desenvolvemento e que a súa situación sexa compatible dende o punto de vista ambiental co medio, procurando minimizar os posibles impactos.
Implantación dunha área industrial
Neste senso, o PXOM propón a implantación dunha área industrial ao sur do concello a desenvolver en varias fases, en concordancia coas Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), no referente á implantación de solo empresarial. Todas estas actuacións van encamiñadas a conformar o núcleo de Baltar como o nexo do concello con Xinzo de Limia, definida polas DOT como cabeceira de comarca, ademais de servir como complemento desta dentro do concello.
Igualmente, o novo PXOM ten como obxectivo protexer os recursos e espazos naturais deste municipio e tamén o patrimonio histórico-artístico, etnográfico e cultural, establecendo un réxime de protección apropiado para cada un de estas áreas, así como definir as actuacións a realizar para mellorar e ampliar as infraestruturas, servizos e dotacións do concello que melloren condicións de vida e laborais da poboación.
Baltar convértese no concello número 123 de Galicia en contar con planeamento urbanístico adaptado. Na actualidade, hai 117 concellos con PXOM vixente acorde coa Lei do Solo de 2002 e 1 cun PXOM acorde coa Lei do Solo do 2016. Ademais, hai catro concellos dotados de Plan Básico Municipal: Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín e O Páramo. Destes concellos, 94 teñen aprobado o seu instrumento de regulación urbanística de forma definitiva desde o ano 2009.