A Xunta financia a través do Plan Corresponsables as actividades de animación sociodeportiva que a Federación Galega de Fútbol promove en Ferrol
A delegada territorial, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da iniciativa que se levará a cabo durante os meses de agosto, setembro, outubro e novembro no polideportivo da Malata e o campo de fútbol de Caranza
O Plan Corresponsables promove a conciliación a través da habilitación de servizos de coidado profesional ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova
Ferrol, 7 de agosto de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación das actividades sociodeportivas a través do fútbol e do fútbol sala que a Real Federación Galega de Fútbol vai desenvolver os próximos meses con cargo ao Plan Corresponsables no ámbito do deporte promovido polas consellerías de Política Social e Igualdade e Presidencia, Xustiza e Deportes.
As actividades, que están dirixidas a mozas e mozos de ata 16 anos, desenvolveranse durante as tardes dos meses de agosto, setembro, outubro e novembro no campo de fútbol de Caranza e no polideportivo da Malata. Teñen carácter gratuíto e estarán guiadas por persoal técnico da federación. Pódese solicitar máis información e formalizar as inscricións a través do correo electrónico: corresponsables@futgal.es.
O Plan Corresponsables, que alcanza este ano a súa terceira edición, financia servizos de coidado profesional con actividades de animación socio-deportivas para nenas e nenos de ata 16 anos. Este ano, polo momento xa que o programa ampliarase para atender todas as solicitudes presentadas, foron 23 as federacións deportivas galegas beneficiarias das axudas deste plan que, segundo salientou a delegada territorial, contou cun orzamento de 1,3 M€. Unha delas, a Federación Galega de Fútbol beneficiouse dunha chega de 69.720 euros.
Segundo destacou Aneiros durante a presentación, con este plan “o Goberno galego pretende promover a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores ao cargo, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación sociodeportivas, á vez que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegando distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo”.
A delegada territorial puxo en valor ademais o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida a través da práctica deportiva e mostrou o seu convencemento de que a conciliación é o mellor camiño para acadar a igualdade real.