A Xunta salienta o positivo impacto turístico que terá este verán o paso de La Vuelta pola comunidade
O director de Turismo de Galicia e o secretario xeral para o Deporte participaron en Ponteareas na presentación das catro etapas galegas da edición deste ano
O percorrido arrancará o 27 de agosto en Ponteareas-Baiona, continuará ao día seguinte no Campus Tecnolóxico Cortizo en Padrón, Ourense-Ribeira Sacra-Manzaneda e Lugo-Porto dos Ancares
Ponteareas (Pontevedra), 7 de agosto de 2024
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe en Ponteareas as etapas galegas da edición deste ano de La Vuelta que contan co apoio da Xunta de Galicia e que, como indicou “de seguro terán un impacto turístico positivo como nas anteriores edicións para impulsar a marca Galicia como destino turístico no eido nacional e internacional”.
Nun acto no que tamén participaron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, Xosé Merelles puxo de manifesto a aposta do Goberno autonómico en apoiar o paso de La Vuelta “polo importante retorno material e inamterial que sempre trae”.
Neste sentido, referiuse ao impacto mediático nacional e internacional que supón unha cita como esta na que están acreditados máis de 600 xornalistas e fotógrafos e a competición é vista en máis de 180 países. Pero tamén se referiu ao persoal que unha cita como La Vuelta move en cada unha das etapas e a súa importante repercursión no sector turístico, con cheo en hoteis e restaurantes. “Son máis de 5.000 persoas que se moven polas vilas e cidades e que deixan a súa pegada nun sector como o turístico”.
Aposta por Galicia
Xosé Merelles agradeceu á organización a súa “aposta constante” por Galicia e confiou en que nesta edición se promova o destino en mercados nacionais e internacionais. A presentación das etapas galegas fíxose hoxe en Ponteareas, que será o punto de partida da etapa 10 o 27 de agosto, nunha xornada entre esta vila pontevedresa (a terceira vez que sae dela) e Baiona, que acolleu xa dúas chegadas de La Vuelta.
A segunda etapa galega será o 28 de agosto desde o Campus Tecnolóxico Cortizo en Padrón, que acollerá saída e chegada. Ao día seguinte, o 29 de agosto La Vuelta sairá da cidade de Ourense e percorrerá parte da Ribeira Sacra para encarar a ascensión final á Estación de Montaña en Manzaneda. A despedida de Galicia chegará cunha última etapa de montaña entre Lugo e o Porto de Ancares o día 30 de agosto.