A Xunta financia con máis de 322.000 euros a contratación de 12 orientadores laborais en concellos e entidades de Ferrolterra
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración resolveu recentemente a convocatoria de 2024 destas achegas das que se benefician os concellos de Fene, Ferrol, Narón, Ortigueira, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e as entidades Cogami, Federación de Asociacións de Persoas Xordas, Asociación de Centros Homologados (ACH) e o sindicato UGT
Ferrol, 7 de agosto de 2024
A Xunta inviste máis de 322.000 euros en axudas para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no ano 2024 en Ferrolterra. Así, catro concellos, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e outras catro entidades sen ánimo de lucro veranse beneficiados este ano desta convocatoria de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Entre eles atópanse os concellos de Fene, Narón, Ortigueira e Ferrol (este último coa contratación de dous técnicos), ademais da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol que percibiron axudas por máis de 160.000 euros para a contratación de seis técnicos. Na liña de axudas a entidades sen ánimo de lucro, sufráganse outros seis contratos na área territorial por un valor de preto de 162.000 euros. Cogami, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, a Asociación de Centro Homologados (ACH) e o sindicato UGT son os beneficiarios na zona.
Os contratos teñen unha duración dun ano, financiándose estes postos cunha contía máxima de 28.000 euros por cada técnico incorporado a tempo completo e con 31.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro especializada na atención á discapacidade e/ou persoas en risco de exclusión social.
Os orientadores prestarán asistencia e artellarán medidas encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego (deben estar inscritas no Servizo de Emprego de Galicia). Diagnoses individualizadas sobre o persoal e as necesidades das traballadoras e traballadores desempregados; proporcionar información sobre o mercado laboral e os diferentes incentivos ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas, son algunhas das funcións que prestarán estes profesionais.
No cómputo da Comunidade autónoma, a Consellería apoia con máis de 7,1 M€ a contratación de preto de 260 orientadores laborais en máis de 90 concellos e en arredor de 40 entidades sen ánimo de lucro, o que permitirá atender a máis de 77.000 persoas desempregadas.
Ademais estes orientadores laborais contratados tanto polos concellos como polas entidades sen ánimo de lucro teñen parte activa no perfilados competencial que se está a realizar entre os demandantes activos de emprego a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, da que se beneficiarán 70.000 persoas nun ano. Concretamente forman parte dos máis de 400 orientadores que se encargarán deste cometido crucial para casar oferta e demanda laboral en Galicia.