A Xunta destina 3M€ para que pemes e autónomos galegos adquiran equipamento empresarial e promovan a innovación
A liña, que abre hoxe o prazo de presentación de solicitudes, impulsa a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva do tecido empresarial galego facilitando o acceso a bens de equipamento e programas de implantación de solucións tecnolóxicas adquiridos desde o 1 de xaneiro ata o 10 de decembro deste ano
As axudas, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros, permanecendo aberto o prazo de presentación de solicitudes desde hoxe e ata o vindeiro 10 de outubro
Os interesados disporán dun anticipo do 100% da axuda para que poidan iniciar e completar os proxectos do xeito máis rápido e eficiente
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2024
A Xunta de Galicia abre o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria do programa de investimento en equipamento empresarial, que destina 3M€ á promoción de iniciativas que melloren a innovación e a competitividade de pemes e autónomos galegos.
O obxectivo é potenciar o mantemento e creación de emprego, a innovación e o impulso de novos proxectos empresarias a través de apoios que facilitan a adquisición de equipamento para as empresas.
Neste marco, entre as principais novidades destaca o feito de que poden optar a esta liña os autónomos e pequenas e medianas empresas de todas as actividades económicas, agás as excluídas pola regulamentación comunitaria. Así mesmo, e de cara a reforzar os investimentos inmediatos sen prexudicar a liquidez e a solvencia das empresas, contémplase un anticipo do 100% da axuda.
Os apoios, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros. O obxectivo é facilitar a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva das empresas galegas reducindo parcialmente os custos de investimento que teñan realizado neste mesmo exercicio 2024. Neste sentido, admitiranse gastos e investimentos executados dende o 1 de xaneiro de 2024 e ata o vindeiro 10 de decembro, permanecendo aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o próximo 10 de outubro.
Os conceptos de investimento subvencionable inclúen tanto a compra de maquinaria ou bens de equipamento como os programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).
Deste xeito, a Xunta pretende dar unha resposta coordinada ás necesidades financeiras das pemes, facilitando a mellora da súa competitividade.
Balance do Galicia Inviste
Esta liña enmárcase no contexto do programa Galicia Inviste, que o Goberno galego promove desde o ano 2018 e que ten permitido apoiar 442 proxectos cun importe total de axuda de preto de 38M€, o que supuxo unha mobilización de investimentos por importe de máis de 148 millóns de euros
Uns datos que reflexan o compromiso da Xunta de Galicia co tecido empresarial, en particular coas pequenas e medianas empresas e cos autónomos, na procura de facilitar o aceso a axudas e financiamento que precisan para realizar os seus investimentos e potenciar así a xeración de emprego, a innovación e a creación e posta en marcha de proxectos empresariais.