A Xunta crea a rede de centros con Club de Ciencia da Xunta para impulsar as vocación científico–tecnolóxicas do alumnado o vindeiro curso
Os centros que desexen sumarse á iniciativa poderán solicitalo ata o 23 de setembro
O programa comezou a desenvolverse no curso 2016/17 con dez centros, chegando aos 205 centros e preto de 7.200 alumnos participantes no último ano académico
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2024
A Xunta impulsará as vocacións científico–tecnolóxicas dos máis novos un curso máis a través do Club de Ciencia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten aberto ata o 23 de setembro o prazo para solicitar participar nesta iniciativa o vindeiro curso 2024/25, que deberá facerse a través da aplicación informática de Programas Educativos.
A convocatoria deste ano inclúe, como novidade, a creación da rede de centros Club de Ciencia, a través da que os centros participantes neste programa recibirán apoio e reforzo tanto ao profesorado como ao alumnado. Tamén se facilitará a comunicación e colaboración entre os docentes participantes nesta iniciativa.
Estes clubs fundaméntanse nunha metodoloxía baseada na indagación e a aprendizaxe colaborativa, na que o alumnado adquire coñecemento mediante un método activo, propoñen as súas propias cuestións e resolven problemas. O obxectivo é proporcionar un escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese dos participantes por mergullarse nos diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.
O programa comezou a desenvolverse no curso 2016/17 con dez centros, chegando aos 205 centros e máis de 14.300 alumnos participantes no último ano académico. O orzamento total destinado para o vindeiro curso é de 200.000€.
Esta actuación enmárcase na Estratexia Educación Dixital 2030 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, como unha das medidas que propician o fomento e desenvolvemento de programas destinados ao impulso das vocacións no ámbito da ciencia, as matemáticas, a enxeñaría e a tecnoloxía e que encamiñan o alumnado cara a estas titulacións no eido universitario.