Belén do Campo anima aos concellos e asociacións a potenciar as prazas de abastos como ‘Mercados Excelentes’ e eixos do comercio local e vertebradores do territorio

A delegada da Xunta visitou esta mañá a praza de abastos de Elviña para dar a coñecer a nova orde de axudas

O obxectivo da convocatoria, dotada con preto de 1,3M€, é fomentar unha rede de mercados galegos con selo de excelencia

O indicativo pode ser solicitado por concellos, asociacións ou federacións de prazas de abastos e mercados, e outórgase en base ao cumprimento duns estándares que están a ser redefinidos en coordinación co sector para atender ás novas realidades

A orde promove, por un lado, actuacións dirixidas ao mantemento e mellora dos Mercados Excelentes existentes e, por outro, accións de mentoring, de formación ou obras de construción para que outros poidan acadar este selo

O prazo de solicitude rematará o 19 de agosto

A Coruña, 9 de agosto de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o mercado de Elviña para dar a coñecer a nova orde de axudas de impulso aos Mercados Excelentes. Dotada cun orzamento de 1.280.000 euros, a convocatoria busca potenciar as prazas de abastos e mercados e transformalos en Mercados Excelentes, no marco da aposta da Xunta pola revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego. O prazo de solicitude destes apoios rematará o 19 de agosto.

O indicativo pode ser solicitado por concellos, asociacións ou federacións de prazas de abastos e mercados, e outórgase en base ao cumprimento duns estándares que están a ser redefinidos pola Xunta en coordinación co sector, para atender ás novas realidades e potencialidades destes espazos.

Belén do Campo explicou que con estes apoios “búscase posibilitar actuacións que sirvan para fomentar a mellora deste tipo de instalacións, atender as necesidades de comerciantes e clientes, aproveitar a situación estratéxica dos mercados nas cidades e vilas e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego agroalimentario de calidade, ademais da súa capacidade de dinamización comercial e turística”.

Tamén se persegue vencellar as prazas de abastos a valores como a sustentabilidade, a protección do medio, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade, así como mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que prestan, favorecendo a coordinación cos centros comerciais abertos.

Detalles da convocatoria

No marco das axudas a concellos, haberá achegas tanto para os que xa conten co selo, como para os que o queiran implantar. En concreto, para potenciar a Rede de Mercados Excelentes de Galicia, os municipios que xa conten con esa figura poderán recibir axudas para accións enfocadas ao mantemento e mellora deste estándar de calidade, ademais de, como novidade, desenvolver campañas de dinamización comercial cun investimento máximo de 10.000 euros e para o deseño da imaxe corporativa do mercado. Mentres, as prazas de abastos que non sexan aínda Mercado Excelente poderán sufragar accións de mentoring e de formación dos praceiros e praceiras, de consultoría especializada, de diagnose da situación e usos do mercado ou a elaboración da documentación necesaria para levar a cabo as actuacións destinadas a acadar o selo, entre outras actuacións.

Nesta mesma liña, nas axudas a municipios hai dúas liñas máis de achegas, destinadas a adquisición de equipamento e eficiencia enerxética. Canto ás asociacións de prazas de abastos e mercados, financiaránselles actuacións de dinamización e revitalización no marco de proxectos de incentivación da demanda e do consumo ou mantemento dos marketplace, na mesma liña que no relativo ás federacións.  

Decidido apoio ao comercio

A convocatoria, que o ano pasado beneficiou a 33 entidades a través dunha dotación superior aos 1,1 millóns, intégrase no compromiso da Xunta polo reforzo do tecido comercial galego. Nese senso, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten convocado este ano outras ordes como os 2,25 M€ para impulsar a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos. Todo isto converxe no Plan estratéxico do comercio galego que se está elaborando cos axentes do sector, unha planificación en materia de transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/08/2024