O delegado territorial da Xunta en Ourense fixo esta mañá a entrega do material
A Xunta renova os equipos de protección individual (EPIs) do persoal do servizo de prevención de incendios de Ourense
O delegado territorial explicou que se renovarán os EPIs de 30 técnicos, 103 axentes medioambientais e preto de 600 traballadores das diferentes categorías que participan na extinción dos incendios forestais na provincia de Ourense
Manuel Pardo destacou o esforzo da Xunta para dotar de medios punteiros a todo persoal que traballa na loita contra os incendios forestais e puxo en valor o traballo e entrega de todos os integrantes do servizo de prevención e extinción dos incendios
Ourense, 09 de agosto de 2024
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe as instalacións da Consellería do Medio Rural dedicadas a loxística do servizo de prevención de incendios de Ourense, para participar na entrega dos novos equipos de protección individual que todo o persoal do dispositivo irá recibindo nas vindeiras datas.
O delegado territorial destacou o esforzo da Xunta para dotar de medios punteiros a todo persoal que traballa na loita contra os incendios forestais e puxo en valor o traballo e entrega de todos os integrantes do servizo de prevención e extinción dos incendios de Galicia no coidado e defensa dos nosos montes; “profesionais -louvou o delegado- de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional que son imprescindibles na protección do noso patrimonio forestal”.
Manuel Pardo explicou que se renovarán os EPIs en toda a comunidade autónoma, pero no que atinxe á provincia de Ourense, este novo material vai destinado a 30 técnicos, 103 axentes medioambientais, e preto de 600 traballadores das diferentes categorías que participan na extinción dos incendios forestais (bombeiro forestal xefe de brigada, bombeiro forestal condutor de motobomba, persoal das brigadas helitransportadas, etc).
O material consta de novos conxuntos de chaqueta-pantalón e cubrecalugas, botas e camisetas ignífugas, así como luvas. Estes EPIs supoñen unha mellora na categoría de protección, pasando de categoría II a III, estando Galicia, moi por riba dos estándares mínimos de calidade establecidos para este tipo de equipamentos. Ademais disto, veñen con melloras na confortabilidade e na ergonomía, así como na visibilidade. As novas camisetas serán amarelo flúor, o que vai favorecer a visualización no entorno forestal. As chaquetas tamén levarán cor amarela, coa mesma finalidade de mellorar a visibilidade.
Estas entregas complementan as xa realizadas de novas máscaras e filtros, tamén de categoría III e máis cómodas e flexibles que as anteriores, así como a de autorrescatadores.