A Xunta destinou máis de 6,6M€ a case 200 concellos a través das dúas convocatorias de axudas para obras en instalacións deportivas municipais ou dotación de equipamento

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou o campo de fútbol da Rega, onde se renovou o céspede artificial cunha achega de 50.000 euros da Xunta a través desta liña de axudas e recibiu outros case 000 euros en material

O Goberno galego investiu 236.700 euros en actuacións nos concellos da comarca de Ordes como Tordoia co obxectivo de dotar á cidadanía dos espazos e recursos necesarios para a práctica de actividade física

Tordoia (A Coruña), 12 de agosto de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou esta mañá o resultado dos traballos de renovación do céspede artificial do campo de fútbol da Rega de Tordoia, que contaron cunha achega de 50.000 euros da Xunta a través da orde de axudas plurianual dirixida a entidades locais e publicada o ano pasado para obras de construción, reforma e reparación en instalacións deportivas de titularidade municipal e tamén o financiamento de equipamento deportivo. Ademais deste apoio, o concello de Tordoia recibiu desta liña case 8.000 euros para material deportivo, polo que o investimento total acada os 58.000 euros.

O concello de Tordoia foi un dos 186 municipios beneficiarios nas dúas convocatorias de subvencións do Goberno galego -publicouse unha en febreiro e outra en xullo de 2023-, que permitiron a estas entidades locais levar a cabo 267 proxectos ou equipar as súas instalacións. O importe concedido acada os 6,6 millóns de euros.

Na comarca de Ordes o investimento supera os 236.700 euros para actuacións tanto de obras como de dotación de equipamento nos concellos de Tordoia, Ordes, Frades, Trazo, Mesía e Cerceda. De feito, ao acto de hoxe asistiron os alcaldes e alcaldesas de todos os municipios da comarca. A provincia da Coruña foi precisamente a que contou con maior número de concellos beneficiarios cun total de 60 e cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros, o que supón en ambos casos un terzo do total.  

Cómpre lembrar que con estas subvencións bianuais, o Goberno galego financia o 80% dos proxectos presentados polas entidades locais cunha achega máxima de 50.000 euros no caso de obras e de 10.000 euros canto á dotación de equipamento.

Durante a visita a Tordoia, Diego Calvo incidiu na importancia da colaboración entre administracións para poder sacar adiante actuacións coma neste caso, dirixidas á mellora da prestación dos seus servizos relacionados co deporte.

Na súa visita, sinalou que este campo de fútbol das Regas é un exemplo da aposta da Administración autonómica a prol dunha poboación que leve unha vida activa e saudable a través do fomento da práctica da actividade física e da promoción do deporte base en espazos que reúnan todas as condicións necesarias.

O Goberno galego afianza o seu compromiso coas instalacións deportivas e do orzamento no ámbito deportivo, case 18 millóns de euros destínanse neste exercicio -unha contía similar ao ano pasado- a obras de creación e de reforma de instalacións para a práctica de deporte.

Xunto co apoio ás entidades locais nas instalacións deportivas da súa titularidade, a Administración autonómica tamén contribúe a melloras nas infraestruturas de entidades deportivas, así como ao funcionamento ao tecido deportivo con achegas ás federacións e aos clubs co obxectivo de que poidan realizar a súa actividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2024