A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá na presentación do espectáculo Dique en Ferrol
A Xunta felicita a Nova Galega de Danza polo seu proxecto ‘Dique’ que permite dar visibilidade ás mulleres da nosa historia
A obra pechará o círculo de actuacións o vindeiro 25 de agosto no propio Dique da Campá de Ferrol
Ferrol, 13 de agosto de 2024
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá en Ferrol na presentación do espectáculo ‘Dique’ de Nova Galega de Danza e coproducido pola Xunta de Galicia. Durante a súa intervención, felicitou a esta compañía polo proxecto que permite dar visibilidade ás mulleres que participaron na obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España no Dique da Campá ferrolán.
A directora xeral sinalou que, logo da estrea o pasado mes de xuño na cidade de Santiago, esta obra pecha o círculo do mellor xeito posible: na cidade de Ferrol. De feito, o vindeiro 25 de agosto celebrarase unha derradeira actuación no propio Dique da Campá que protagoniza a historia. Neste sentido, animou ás ferrolás e ferroláns a achegarse a velo e desfrutar dun espectáculo único, conformado por un equipo de mulleres referentes e que representa un “claro exemplo de feminismo en movemento”.
A Xunta de Galicia colabora co concello de Ferrol para achegar esta iniciativa a súa cidade de orixe. Na rolda de prensa a directora xeral estivo acompañada do alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela; do director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz; do axudante maior do Arsenal Militar de Ferrol, Miguel López Reig; e do concelleiro delegado Marca Ferrol, Arán López Martínez.