A Xunta promove actividades de lecer para a mocidade con música urbana co Festival Negrita do Porriño
O Porriño (Pontevedra), 13 de agosto de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participou hoxe na presentación do Negrita Music Festival que se celebrará no municipio pontevedrés do Porriño os vindeiros 13 e 14 de setembro e co que colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Deste xeito, o Goberno galego cumpre co obxectivo de promover actividades de lecer para a mocidade durante esta época de estío, neste caso con actuacións de artistas de música urbana.
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor iniciativas como estes certames que lle posibilitan á xente nova contar con espazos e actividades de ocio e lúdicas. Precisamente, Negrita Music Festival ofrecerá durante o venres 13 e o sábado 14 de setembro dúas xornadas de música urbana con actuacións de diferentes artistas do panorama nacional. Esta actividade forma parte do programa CulturON, que desenvolve 30 actividades diarias en máis de 200 concellos galegos.