A Xunta remite aclaracións ao Concello de Lugo sobre a nova situación das pasarelas do Miño e o traslado das náiades

Estudou nun só día a documentación presentada, e lembra que a autorización para modificar o proxecto ten que solicitala á CHMS e para a translocación debe usar o  procedemento apropiado

Lugo, 14 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia remitiu esta mañá ao Concello de Lugo a resposta á documentación recibida onte na que solicitaba autorización para instalar dúas ramplas de acceso ao Miño e remitía o informe realizado sobre a existencia de especies protexidas.

O O Departamento Territorial en Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estudou os documentos coa máxima dilixencia  e enviou ao Concello un escrito coas aclaracións precisas a fin de non perder máis tempo innecesariamente.

En primeiro lugar aborda o cambio de situación das plataformas, que agora o Concello propón trasladar uns metros precisamente para evitar o lugar de maior concentración de especies protexidas de náiades Potomida littoralis e Unio Delphinus, segundo os resultados do seupropio estudo. A Xunta informa de que autorización para a instalación das plataformas e competencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, polo que a proposta da nova situación das plataformas deberá ser trasladada polo Concello de Lugo a este organismo de conca. No mesmo caso están os balizamentos propostos nesa zona de baño.

No que respecta á posibilidade de translocación das náiades, a autorización deberá solicitarse mediante o procedemento específico existente na sede electrónica da Xunta para este fin, como sen dúbida coñece o Concello de Lugo, xa que é o mesmo que se usou para obter a autorización para realizar o estudo da presenza de exemplares protexidos.

Por último, a Consellería apunta que, una vez máis, o propio informe municipal revela que a zona elixida non é a máis idónea para garantir a seguridade das persoas usuarias, con profundidades inferiores a 1,5 metros e o conseguinte risco de accidentes e lesións.

Data de actualización: 14/08/2024