A Xunta apoia melloras na antiga escola de Adai, no Corgo, cunha achega de 60.000 euros

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron o edificio para coñecer as accións previstas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

Substituirase a cuberta para garantir o illamento e dedicar a instalación a actividades deportivas

Unha vintena de concellos de Lugo recibiron achegas do Goberno galego ao abeiro desta liña dotada con 5 millóns de euros e dirixida a municipios con menos de 15.000 habitantes

O Corgo (Lugo), 21 de agosto de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o concello do Corgo para coñecer as actuacións de mellora da eficiencia enerxética que se prevén realizar na antiga escola de Adai co apoio da Xunta. O obxectivo é destinar o edificio a actividades deportivas, concretamente a clases e torneos de billar. O Goberno galego colabora no proxecto cunha achega de 60.000 euros no marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes.

Segundo explicou a directora xeral, vaise demoler a actual cuberta, danada pola humidade, retirando tanto a lousa como a estrutura de madeira e o peche de ladrillo que a soporta. Esta estrutura substituirase por un anel perimetral de formigón armado, sobre o que se apoiará a nova estrutura a dúas augas de madeira, unha lámina impermeabilizante e a cobertura de lousa.

As actuacións previstas enmárcanse na liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local deste ano, dotada con 5 millóns de euros e destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas. Na provincia de Lugo houbo 18 concellos beneficiarios, que recibiron achegas por un importe global de case un millón de euros.

Máis de 672.000 euros investidos no Corgo

A maiores da achega para as melloras na antiga escola de Adai, neste exercicio O Corgo benefíciase do apoio da Xunta para o acondicionamento do pavimento das pistas de Queizán de Abaixo- Gracián e Campelo-As Aceas, con case 37.000 euros da Orde infraestruturas de uso público.

Nos últimos anos o Goberno galego investiu máis de 672.000 euros en proxectos impulsados polo concello do Corgo a través de distintas liñas de apoio ás administracións locais. Así, o pasado ano financiáronse melloras en pistas municipais e na rede de saneamento cun investimento de 86.000 euros. A maiores, só en 2023 a localidade recibiu preto de 250.000 euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local.

Natalia Prieto referiuse á aposta que está a facer a Xunta polo impulso da eficiencia enerxética nas infraestruturas públicas, cunha liña específica de axudas no marco do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.

A directora xeral incidiu tamén no compromiso da Xunta cos concellos a través de diversas medidas que facilitan melloras en infraestruturas e servizos locais básicos para a veciñanza. Así, neste exercicio o investimento autonómico para apoiar as administracións locais supera os 600 millóns de euros. O obxectivo é favorecer o equilibrio territorial e garantir a calidade de vida da poboación galega con independencia do seu lugar de residencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2024