Medio Rural incrementa en case 4 M€ as axudas para a creación de superficies forestais e promove así unha maior plantación de frondosas e coníferas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se amplía a dotación orzamentaria destas subvencións, que pasa a ser de máis de cinco millóns de euros
Estas achegas contribúen á valorización dos terreos forestais e, polo tanto, á redución do risco de incendios
No referente ás coníferas que se promoven atópanse o piñeiro do país e o silvestre, mentres que nas frondosas destacan o castiñeiro, o carballo, o ameneiro ou a sobreira
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2024
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se modifica a dotación orzamentaria das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Con esta ampliación de crédito increméntase en 3,7 M€ o importe inicial, pasando a dispoñer de máis de 5 M€ para esta finalidade. Esta modificación orzamentaria permite incrementar a superficie de plantación en preto de 2.000 hectáreas, o que supón un total próximo ás 3.000 hectáreas de monte galego.
Nesta liña, cómpre recordar que a finalidade destas achegas é fomentar a primeira sementeira de terras non agrícolas unicamente con coníferas e frondosas, favorecendo o aumento da diversidade e da superficie forestal arborada, ao tempo que se reduce o risco de incendios mediante a valorización dos terreos forestais. No referente ás coníferas que se promoven atópanse o piñeiro do país e o silvestre, mentres que nas frondosas destacan o castiñeiro, o carballo, o ameneiro ou a sobreira, entre outros.
Así, con estes fondos subvenciónanse os gastos de plantación forestal e a posta en marcha da área de defensa contra incendios forestais, é dicir, a zona limpa de biomasa que protexe estes novos plantíos de posibles lumes. Inclúense tamén como subvencionables os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta. Nas liñas de fomento incluídas nesta orde de plantación estanse a seguir obxectivos propostos no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, relativos aos servizos ecosistémicos, á conservación da biodiversidade das masas e xestión forestal sustentable, así como á mobilización e incremento da produtividade dos recursos forestais galegos.
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240822/AnuncioG0426-130824-0001_gl.html