Medio Rural salienta a importancia das agrupacións forestais de xestión conxunta para mellorar o futuro do monte galego

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, instou á cooperación entre propietarios forestais co obxectivo de fomentar unha xestión sustentable e diversificada do territorio

Estas e outras cuestións tratáronse no marco das xornadas informativas “Presente e futuro dos montes” organizadas pola asociación de propietarios de montes A Croa de Camariñas

A Xunta de Galicia destinou en 2024 preto de 2,4 millóns de euros a axudas para o fomento das agrupación forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal

Camariñas (A Coruña), 23 de agosto de 2024

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe nas xornadas informativas “Presente e futuro dos montes. Novas oportunidades e retos” organizadas pola asociación de propietarios de montes A Croa do concello de Camariñas. Neste contexto, Chan salientou a importancia das agrupacións forestais de xestión conxunta como instrumentos de mellora do rural galego, que promoven a ordenación e xestión do territorio da nosa comunidade, e son unha ferramenta útil para a garantir a multifuncionalidade do monte galego.

Así, esta iniciativa, recollida na Lei de recuperación da terra agraria e na Lei de montes de Galicia, supoñen a xestión conxunta de parcelas e recursos que nelas se atopan de forma voluntaria. José Luis Chan destacou a situación doutros países como Finlandia, onde o 85% dos propietarios están asociados localmente para beneficiarse tamén no referente á comercialización.

A maiores, o director subliñou o apoio da Xunta a esta iniciativa a través de axudas para o fomento das agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal dotadas cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros no 2024 e das que proximamente se coñecerá a súa resolución. Estas distribúense en tres liñas de achegas: para divulgación, comercialización e para creación e apoio destas agrupacións forestais de xestión conxunta. O montante destinado a esta última é de máis de 1,7 millóns de euros.

Desta forma, Chan puxo en valor as fortalezas de Galicia para avanzar nesta ferramenta, que repercutirá de forma positiva no ámbito económico, social, medioambiental e histórico-cultural, e permitirá paliar outros factores limitadores do noso territorio como a ampla presenza do minifunfismo.

Así, a Consellería do Medio Rural reitera o seu compromiso coa planificación e ordenación do territorio e prevé a continuidade destas achegas cara os vindeiros anos.

Plan Forestal de Galicia

Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica, aprobado polo Decreto 140/2021, do 30 de setembro, que se estrutura en distintos eixos estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega.

Concretamente esta convocatoria de axudas contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do eixe III 1.2 do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Data de actualización: 23/08/2024