Extinguido o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes
Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 75,73 hectáreas, todas elas de monte arborado
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2024
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, quedou extinguido ás 19.37 horas de hoxe.
O lume iniciouse o pasado venres, día 23, ás 17.34 horas e segundo as últimas medicións afectou unha superficie de 75,73 hectáreas, todas elas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en total, 5 técnicos, 19 axentes, 50 brigadas, 31 motobombas, 2 pas, 7 avións e 9 helicópteros. Entre as brigadas mobilizadas, participaron tamén nos labores de extinción dous equipos de bombeiros de Estonia, que se atopan de estadía en Galicia no marco do mecanismo europeo de protección civil.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.