A Xunta consolídase como referente internacional na certificación forestal dos servizos que aporta o monte para mellorar os ecosistemas
A organización mundial PEFC, dedicada á certificación forestal, toma como referencia as axudas da Consellería do Medio Rural para incentivar os compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos como vía para ampliar o seu labor certificador
Así llo trasladaron hoxe responsables desta entidade á directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, nunha xuntanza de traballo
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026
A organización internacional PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification) toma como referencia unha iniciativa pioneira da Xunta para avaliar a posible ampliación do seu catálogo de certificación forestal. Así llo transmitiron hoxe responsables desta entidade á directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, nunha reunión de traballo celebrada na sede da Dirección Xeral.
Deste xeito, PEFC estuda esta posibilidade a partir das axudas convocadas o pasado ano pola Consellería para incentivar os compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos. O obxectivo destas achegas é fomentar determinadas prácticas voluntarias de xestión que contribúen á conservación e estabilidade dos montes, de maneira que poidan seguir prestando servizos ecosistémicos tales como captura e almacenamento de carbono, regulación hidrolóxica, cantidade e calidade da subministración de auga, servizos culturais e de recreo, protección de solos, conservación da biodiversidade, incluíndo os hábitats, e mantemento da paisaxe.
A orde de axudas publicouse en xaneiro de 2025 cunha dotación de máis de 600.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da Política Agrícola Común de España (Pepac) para o período 2023-2027. Na actualidade está a piques de publicarse a resolución correspondente.
Posición de liderado de Galicia
Na xuntanza de hoxe púxose en valor o feito de que Galicia é a comunidade de referencia na certificación forestal dentro de España. Así, ocupa unha posición de liderado en canto ao número de empresas certificadas co selo PEFC, con preto de 480, o que supón algo máis do 25 % do total nacional.
Asemade, Galicia é o segundo territorio, só superado por Castela e León, no que atinxe á superficie total certificada con este indicativo. Desta forma, con datos de finais de 2025, a nosa comunidade acumula máis de medio millón de hectáreas certificadas, dos 3 millóns de hectáreas do conxunto de España. Así mesmo, máis do 80 % dos propietarios e xestores forestais certificados no total do Estado son galegos.