A Consellería de Sanidade informa sobre como se debe actuar ante a picadura dunha medusa

Tras detectarse a presenza de carabelas portuguesas nos areais galegos, a Dirección Xeral de Saúde Pública lembra os catro pasos a seguir no caso de picadura

Eliminar os posibles restos dos tentáculos, lavar a zona afectada con auga de mar e aplicar frío, forman parte do protocolo de actuación xeral definido polo departamento sanitario galego

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2024

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa á poboación galega do protocolo a seguir no caso de picado por unha medusa nas zonas de baño da nosa comunidade.

Durante as últimas datas, detectouse a presenza de carabelas portuguesas (Physalia physalis) en diferentes areais galegos. Así, o departamento sanitario da Xunta definiu un conxunto de recomendacións sobre como se debe actuar ante a picadura desta especie mariña.

En primeiro lugar, a persoa que fose alcanzada por unha medusa deberá saír da auga e eliminar os posibles restos de tentáculos que teña no corpo. Así, para realizar esta extracción deberá evitar o contacto directo coas mans, empregando pinza ou luvas, ou na súa ausencia, co bordo dun obxecto ríxido e plano.

Nesta primeira actuación, é moi importante que en ningún momento se rasque ou fregue a zona afectada, nin que se empreguen toallas ou area para limpar a ferida, xa que esta presión podería aumentar a liberación de veleno.

O segundo paso a seguir é lavar a zona afectada con auga de mar limpa, comprobando previamente que esa auga non teña fragmentos de tentáculos. Neste caso, é preciso apuntar que endexamais se debe lavar a zona afectada con auga doce pois, o cambio de salinidade provoca unha maior liberación de veleno. Tampouco se debe utilizar  amoníaco, vinagre ou ouriños .

Acto seguido, deberase aplicar frío sobre a zona da picadura mediante unha bolsa de plástico con xeo, e por un espazo de tempo de 15 minutos. Deste xeito, evitase que o veleno pase á rega sanguínea.

O cuarto e último será desinfectar a ferida con tintura de iodo para evitar posibles infeccións. Así, coidarase a ferida ata que cicatrice e tentarase evitar outra posible picadura durante o resto do verán, pois as súas consecuencias poden ser moito peores ao quedar o corpo sensibilizado ao veleno.

Cómpre lembrar que no caso de contar con servizo de socorrismo a praia, deberase acudir ao mesmo e que, no caso de padecer síntomas xerais como náuseas, vómitos, mareos, cambras musculares, dor de cabeza, ou dificultade para respirar, deberase acudir ao centro sanitario máis próximo ou chamar ao 112.

Data de actualización: 27/08/2024