O director do Instituto de Estudos do Territorio e o director da Axencia Galega de Infraestruturas reuníronse para pechar os termos do seu novo acordo de colaboración
A Xunta ultima a posta en marcha do primeiro visor dixital con información sobre tráfico, sinistralidade e outros datos de interese da Rede de estradas de Galicia
Desde o ano 2021 os dous departamentos autonómicos colaboran para avanzar na implantación da dixitalización para o seguimento deste tipo de infraestruturas
O obxectivo é poñer primeiro á disposición do persoal da AXI e máis adiante, do público xeral, información relevante de cada estrada que axude a mellorar a xestión
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2024
A Xunta ultima o desenvolvemento e posta en marcha dun visor dixital da Rede de estradas da comunidade autónoma galega (Raega), a primeira ferramenta deste tipo que ofrecerá datos sobre tráfico diario, sinistralidade, estado xeral da infraestrutura e outra información relevante tanto para a xestión da propia rede como para os seus usuarios.
O Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adscrita á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, colaboran na execución dos traballos necesarios para a posta en marcha deste visor, que se enmarca na Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia do Goberno autonómico.
Con tal fin, os dous departamentos autonómicos asinaron no ano 2021 un acordo de colaboración no marco do cal se acometeu o desenvolvemento do novo visor xeográfico. Nestes momentos, xa están en marcha e avanzados os traballos para incorporar á ferramenta dixital desenvolvida a representación xeográfica dos resultados dos aforos de tráfico realizados na Raega en 2022 e 2023, polo que ambas partes acordaron nunha recente reunión darlle continuidade coa sinatura dun novo acordo.
De feito, a previsión é que proximamente o visor estea xa dispoñible cos datos de aforos para o persoal ao servizo da AXI e a continuación, nunha segunda fase, habilitarase a ferramenta para a súa consulta pública por parte da cidadanía en xeral.
O obxectivo é dar a coñecer de forma detallada información como a intensidade media diaria de vehículos que circulan pola Raega, diferenciando entre tráfico lixeiro e pesado, e a localización das estacións de aforo, dispositivos fixos ou móbiles que se implantan nas estradas co obxectivo de contabilizar os vehículos que pasan por un punto concreto e que permiten diferenciar a súa tipoloxía e a velocidade media á que circulan.
En todo caso, para adaptarse aos diferentes perfís de usuario, habilitaranse varios niveis de acceso á información de consulta. No caso do público en xeral, os cidadáns terán acceso a datos de interese xeral das estradas (zonas de dominio público e de protección, liñas límites de edificación, estado da infraestrutura, datos de tráfico, sinistralidade,…), e a partir da súa identificación persoal, tamén poderán acceder aos datos particulares dos expedientes nos que teñan a consideración de interesados (estado de tramitación de autorizacións, sancións, expropiacións,…).
Sempre que os datos sexan apropiados para a súa visualización xeográfica, representaranse no visor adaptado para ese efecto, coa posibilidade de acceder aos rexistros correspondentes. O IET prestará o seu apoio na incorporación e tratamento cartográfico e para garantir a información territorial axeitada destes datos, ademais de encargarse da elaboración das bases e capas en SIX (Sistema de Información Xeográfica) para a súa incorporación no visor.