A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco

A Xunta solicita ao Goberno central colaboración a través da Confederación Hidrográfica para a aprobación dos Plans Básicos Municipais

María M. Allegue explicou que na actualidade hai 15 concellos, a maioría da provincia de Ourense, que están pendentes de informe por parte da Confederación Hidrográfica do Miño Sil

O delegado do Goberno comprometeuse a trasladar ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil o problema ao que se enfrontan estes concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con ningunha figura de ordenamento urbanístico

A conselleira tamén demandou unha mellor intercolución por parte do Goberno para a execución e mantemento das estradas de titularidade estatal

A Coruña, 27 de agosto de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mantiveron esta mañá un encontro de traballo na sede do organismo estatal na Coruña para abordar, entre outros asuntos, a tramitación dos Plans Básicos Municipais (PBM), ferramentas de ordenación urbanística que afecta aos concellos de menos de 5.000 habitantes.

A Dirección Xeral de Urbanismo, dependente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, está á espera na actualidade  da aprobación dos PBM de 15 concellos, a maioría da provincia de Ourense, a expensas do informe  da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, departamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Neste sentido, a conselleira Martínez Allegue explicoulle a problemática coa que se están a atopar estes municipios de cara a conseguir a ferramenta que lles permiten un desenvolvemento urbanístico legal e sostible. O delegado do Goberno comprometeuse a  trasladarlle esta inquedanza ao presidente da citada Confederación Hidrográfica.

Durante esta reunión, que se desenvolveu nun clima de cordialidade, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén demandou unha planificación adecuada por parte do Goberno para a execución e mantemento das estradas de titularidade estatal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2024