O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica visitou esta mañá o centro, situado en Vigo

A Xunta inviste 44.000 euros na reforma da escola infantil pública autonómica de Bouzas

Estas obras de mellora enmárcanse nos 3 millóns de euros orzamentados polo Goberno galego para renovar as instalacións de escolas infantís durante o verán

Vigo, 28 de agosto de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica de Bouzas. Alí puido revisar de primeira man a reforma que está a executarse aproveitando o período de inactividade durante o mes de agosto, cun orzamento de 44.000 euros a cargo da Xunta de Galicia. Nos últimos 3 anos, o Goberno galego investiu 350.000 euros na renovación das instalacións deste centro.

As obras de mellora deste verán, para renovar o pavimento de varias aulas da escola e reforzar, así, o confort dos rapaces e dos profesionais do centro, forman parte do investimento de 3 millóns de euros que a Xunta destina á renovación das instalacións de escolas infantís públicas autonómicas durante as vacacións. Deste xeito, evítase interferir coa actividade que se desenvolve nestes centros durante o resto do ano.

Gratuidade 0-3 anos

O obxectivo é que todo estea listo para setembro, cando comezará o novo curso. Será o terceiro no que se aplique a gratuidade da etapa de 0 a 3 anos. O Goberno galego inviste 60 millóns de euros nesta medida que está a disposición de máis de 32.000 familias cun aforro anual medio de máis de 3.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2024