Medio Rural organiza esta semana tres accións formativas sobre a plantación de castiñeiros e a xestión de soutos en Riós e o Incio
As formacións teñen lugar hoxe e o venres en Riós (Ourense) e mañá no Incio (Lugo) e enmárcanse no convenio entre a Xunta e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) sobre xestión forestal activa e sustentable dos soutos
Abordaranse temáticas como a plantación, a protección, o rego, as doenzas máis importantes destas árbores ou o manexo dos soutos, con especial orientación cara a recollida da castaña, entre outras
Estas xornadas, nas que participarán 44 alumnos, forman parte da aposta do Goberno galego polo fomento da xestión activa dos soutos seguindo o desenvolvemento do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña de Galicia 2022-2040
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2024
A Consellería do Medio Rural segue promovendo a formación no ámbito agroforestal a través de xornadas técnicas, obradoiros e cursos, entre outras iniciativas. Neste contexto, organizou para esta semana tres diferentes accións formativas relacionadas coa plantación de castiñeiros e xestión de soutos. Todas elas enmárcanse dentro do convenio entre a Xunta e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) para o establecemento dun programa específico de identificación, restauración e promoción de xestión forestal activa e sustentable para o período 2023-2024.
A primeira destas accións desenvolveuse hoxe no Centro de Desenvolvemento Agroforestal do Inorde na localidade ourensá de Riós. Foi un taller práctico de catro horas de duración, no que participaron unha ducia de alumnos, sobre o establecemento, a plantación, a protección, o rego e o cálculo de necesidades nutricionais.
O programa incluíu, en primeiro lugar, unha breve explicación en aula sobre os parámetros a ter en conta nunha plantación nova de castiñeiros, as necesidades nutricionais así como unhas ideas sobre a rega nos castiñeiros e os seus métodos. Despois, en campo, fíxose unha visita a unha parcela de castiñeiros de recente implantación, coa explicación “in situ” sobre as ideas dadas en clase, así como o procedemento de establecemento dos castiñeiros e todo o que rodea este traballo. Por último, acudiuse a un souto con sistema de rego para que os alumnos puideran visualizar sobre o terreo os contidos explicados e presentar as súas dúbidas ao respecto.
Doenzas do castiñeiro
A segunda xornada formativa terá lugar mañá xoves no local social do mercado gandeiro do Incio (Lugo) e tratará as doenzas máis importantes do castiñeiro e os seus tratamentos. Neste caso son 18 as persoas inscritas e a duración da xornada será de dúas horas. O programa abordará enfermidades como o Chancro, a Tinta, a Antracnose ou a Podredume.
O terceiro curso desta semana impartirase tamén no Centro de Desenvolvemento Agroforestal do Inorde en Riós e versará sobre o manexo do souto. Terá unha duración de cinco horas e os 14 alumnos inscritos poderán coñecer técnicas de manexo como o enxerto, a poda, a rega, o aboado despois da plantación e o mantemento do solo. Tamén se falará, en relación coa mecanización, dos tipos de máquinas para a recollida da castaña.
Xestión activa dos soutos
Iniciativas coma estas contribúen á mellora da xestión dos soutos, un labor que a Xunta de Galicia promove a través de diferentes liñas de actuación, entre outras, axudas para novas plantacións de castiñeiros de produción de castaña e para a restauración dos soutos tradicionais, cun orzamento aprobado e en execución na convocatoria 2023/2024 de preto de 1 millón de euros e de máis de 1,3 millóns de euros para a convocatoria 2024/2025. Estas achegas están financiadas pola Unión Europea a través do fondo NextGenerationEU.