O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar visitou esta mañá ambos centros

A Xunta financia obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Muíños

O Goberno galego tamén renovará as instalacións da residencia municipal de maiores, cun orzamento de 45.000 euros

Muíños (Ourense), 30 de agosto de 2024

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde da localidade, Plácido Álvarez, visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica de Muíños e a residencia municipal de maiores.

No marco das obras de mellora que están a realizarse durante este verán nas escolas infantís da Xunta, substituíuse a carpintaría exterior de aluminio do local deste centro que se utiliza como aula de descanso e renováronse acabados interiores. Os traballos desenvolvéronse no mes de agosto para non interferir na actividade da escola durante o curso.

A execución das obras correu a cargo do Concello, mentres o Consorcio asume o seu financiamento mediante a compensación do importe das liquidacións que ten que aboar a Administración local por este servizo: arredor de 9.000 euros.

Residencia municipal

O Goberno galego tamén financiará a reforma da residencia municipal de maiores. Está previsto que a Consellería de Política Social e Igualdade e o Concello de Muíños asinen un convenio no mes de setembro por importe de 45.000 euros. Esta contía destinarase a melloras no interior e no exterior do centro, a reposición de mobiliario e a compra dun novo grupo electróxeno, entre outras melloras nas instalacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2024