A Xunta realiza labores de conservación en arredor de 400 metros do rego de Bañoca, en San Sadurniño

As tarefas que está a executar Augas de Galicia na parroquia de Santa María de Bardaos inclúen a retirada de árbores e biomasa da canle fluvial e labores de roza selectiva

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento nun tramo fluvial do rego de Bañoca, no concello de San Sadurniño.

As tarefas, que se desenvolven na parroquia de Santa María de Bardaos, estenderanse ao longo de arredor de 400 metros e consistirán na retirada de árbores caídas e biomasa presentes na canle fluvial para evitar atoamentos así como en labores de roza selectiva e puntual de arbustos no acceso ao rego. Con esa finalidade, os técnicos empregarán distintas ferramentas manuais, motoserras e rozadoiras ademais de maquinaria de apoio como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, o tramo sinalado quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas. Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente dúas semanas.

Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

O obxectivo final é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2024