A Xunta comeza as obras de ampliación do parque empresarial de As Gándaras

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, estivo hoxe neste polígono industrial que abrangue un total de 2.135.512 m²

A Xunta de Galicia, a través de Xestur, ofrece ás empresas que se queiran implantar na Comunidade solo empresarial a custo cero durante os oito primeiros anos

Lugo, 3 de setembro de 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, visitou hoxe o inicio das obras de ampliación do parque empresarial de As Gándaras. Unha actuación que vai desenvolver o Goberno galego para atender a importante demanda de solo industrial que existe nesta zona por parte do tecido empresarial galego.

O polígono industrial de As Gándaras abrangue un total de 2.135.512 m² e será executado en varias fases. Neste sentido, as fases I, II, e III xa están rematadas cun investimento de 53M€ e todas as parcelas están vendidas. Agora darán comezo as obras de tres novas fases: a IV, V e VIIa que permitirá incorporar 142.636 m2 de solo industrial repartido en 38 parcelas.

Durante a visita, Margarita Ardao lembrou que a Xunta de Galicia, a través de Xestur, ofrece desde agora ás empresas que se queiran implantar na Comunidade solo empresarial a custo cero durante os oito primeiros anos en réxime de dereito de superficie sen a esixencia de que se trate de proxectos singulares. En relación ao custo, a partir do noveno ano manteríanse as condicións actuais de maneira que o canon anual a aboar sería do 3,5% do prezo de venda da parcela.

A Administración autonómica é consciente da importancia de dispoñer de solo empresarial en condicións competitivas para atraer investimentos cara a Galicia. E, baixo esa premisa, este ano convocou tres liñas de axuda que suman 6,7M€ para a mellora de infraestruturas e servizos dos parques empresariais, a creación de viveiros industriais e para a implantación de redes de distribución eléctrica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2024