A Xunta reafirma a súa aposta pola biotecnoloxía no marco do 46º Congreso da Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, adianta algunhas cifras do balance intermedio da Estratexia de Consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025

Cun investimento mobilizado de preto de 370M€ nos tres primeiros anos de execución, a estratexia aspira a situar a Galicia como referente a nivel internacional no ámbito biotecnolóxico

A Coruña, 3 de setembro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta tarde no acto de inauguración do 46º Congreso da Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular (SEBBM), un evento que reúne estes días na Coruña a destacados investigadores para abordar este eido.

A representante da Consellería de Ciencia transmitiu á comunidade científica que nos atopamos nun momento único para medrar en base á biotecnoloxía, unha disciplina que a Unión Europea ten recoñecido como crucial para a competitividade, a seguridade e a resiliencia de Europa. Neste senso, apuntou que o Goberno galego vén apostando por esta materia desde 2016, a través de sendas estratexias de impulso e consolidación da biotecnoloxía en Galicia, co obxectivo de situar a Galicia como un referente internacional. Carmen Cotelo aproveitou a súa intervención para avanzar algúns datos do balance intermedio da Estratexia de Consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025.

Entre estes datos, apuntou que a estratexia leva mobilizados xa preto de 370 millóns de euros, un 56% da mobilización total prevista. Esta aposta de Galicia pola biotecnoloxía correspóndese co “bo estado de saúde” do sector na nosa comunidade, que dá emprego a máis de 1720 persoas en I+D+i e no que se crearon 24 empresas desde 2021, situando a Galicia como a segunda comunidade máis bioemprendedora.

Participación no congreso

Carmen Cotelo participou tamén no debate do grupo Muller e Ciencia no que apuntou algunhas medidas postas en marcha desde a Xunta de Galicia no marco da Unidade de Muller e Ciencia para acadar un sistema galego de ciencia e innovación máis igualitario, como a Lei Ángeles Alvariño ou as actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas e mozas.

Ademais, abriu o Foro de Desenvolvemento Profesional para Investigadores Mozos reivindicando a importancia das persoas e do talento no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación e destacou varias iniciativas da Xunta de Galicia para reter, atraer e formar talento en Galicia, como o programa Oportunius que apoia a atracción e retención en Galicia de investigadores excelentes titulares das axudas do Consello Europeo de Investigación, ou o programa Ignicia, que apoia a transferencia dos resultados da investigación ao mercado, entre outras axudas para a contratación de persoal investigador.

Data de actualización: 03/09/2024