A Xunta realiza labores de conservación e mantemento en catro tramos de canles fluviais no concello de Val do Dubra que suman preto de 7 quilómetros
As tarefas que está a realizar Augas de Galicia inclúen a roza puntual de arbustos e a retirada de árbores caídas e biomasa para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2024
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en catro tramos de canles fluviais no concello de Val do Dubra (A Coruña) que suman preto de 7 quilómetros.
As tarefas, que se desenvolverán nas parroquias de San Cristovo de Portomouro, Santa Mariña de San Román e San Pedro de Vilariño, afectan ao río Tambre (2,3 quilómetros), a un regato innominado (550 metros), ao rego de Fontán (preto de 500 metros) e ao río Dubra (preto de 3,5 quilómetros). As actuacións consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente nas canles fluviais para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso ás canles.
Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente dúas semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras así como coa utilización de maquinaria de apoio como un tractor e unha carretilla de carga.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.