A Xunta destaca a eficacia das gaiolas-trampa instaladas en Lugo, nas que xa se capturaron 14 xabarís nunha semana

Os dispositivos forman parte das medidas autorizadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para reforzar o control desta especie no contorno urbano e periurbano da cidade

A autorización foi concedida a petición do Concello de Lugo co obxectivo de minimizar os riscos para a seguridade das persoas derivados da presenza de exemplares de xabaril nestas zonas.

Lugo, 2 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia destaca a efectividade das dúas gaiolas-trampa instaladas no concello de Lugo para o control das poboacións de xabaril no contorno urbano e periurbano da cidade, nas que xa se capturaron un total de 14 exemplares desde a súa instalación hai unha semana.

Este resultado confirma a utilidade dunha ferramenta que permite actuar de maneira selectiva e eficaz nos puntos nos que se detecta unha maior presenza destes animais, contribuíndo así a reducir as incidencias asociadas á súa aparición en espazos próximos ás zonas habitadas.

A instalación das gaiolas-trampa foi autorizada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático o pasado 18 de setembro tras a solicitude formulada polo Concello de Lugo para adoptar medidas de control que permitan mitigar os efectos que a presenza de xabarís pode ter para a seguridade das persoas no ámbito urbano e periurbano.

Tal e como recolle a autorización, a localización dos dispositivos foi coordinada entre persoal municipal e a Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza (UICON) da Xunta coa finalidade de garantir a súa máxima eficacia. Ademais, os axentes desta unidade encárganse da instalación, vixilancia e seguimento das trampas.

A autorización concedida ten unha vixencia dun ano e enmárcase no procedemento impulsado pola Xunta desde 2023 para facilitar a captura de xabarís en puntos concretos de cidades e áreas metropolitanas nos que a presenza desta especie poida xerar problemas de seguridade ou convivencia.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático continuará colaborando co Concello de Lugo no seguimento desta actuación e na avaliación dos seus resultados co fin de avanzar nunha xestión eficaz da fauna silvestre e na mellora da seguridade da cidadanía.

Data de actualización: 02/10/2026