Activo un incendio forestal no concello ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns

O lume entrou de Portugal e afecta ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal, activo arestora, no concello ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

O lume orixinouse sobre as 20.30 horas de onte en Portugal e os medios do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta estiveron colaborando e traballando na zona fronteiriza desde o primeiro momento. Finalmente, o lume entrou en Galicia, aproximadamente, sobre as 17.00 horas de hoxe mércores. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 15 axentes, 24 brigadas, 13 motobombas, 3 pas, 2 técnicos, 6 avións e 5 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 04/09/2024