Activo un incendio forestal no concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira

Decretouse a Situación 2 durante a noite como medida preventiva pola proximidade do lume aos núcleos de Ameixeira e Os Reinaldos

Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa de que permanece activo un incendio forestal no concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, no que está declarada a Situación 2 desde as 1.15 horas desta madrugada. Esta é unha medida preventiva que se decreta pola proximidade do incendio a núcleos de poboación, neste caso concreto aos de Ameixeira e Os Reinaldos, cuxos veciños foron desaloxados.

Segundo as últimas estimacións, o lume, que se iniciou ás 22.32 horas de onte pola noite, supera as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa estabilización mobilizáronse ata o de agora 2 técnicos, 9 axentes, 21 brigadas, 15 motobombas e 3 pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 05/09/2024