Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 12.30 h. de hoxe

Continúa activo e en Situación 2 o incendio do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 200 hectáreas

Segue tamén activo o lume do municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que afecta unhas 200 hectáreas dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 12.30 horas de hoxe xoves.

Crecente-Filgueira

O lume do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, continúa activo arestora e permanece declarada a Situación 2 como medida preventiva, aínda que as persoas desaloxadas onte dos seus domicilios xa puideron volver aos seus núcleos de poboación.

Segundo as últimas estimacións, o incendio, que se iniciou ás 22.32 horas de onte, afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. Para a súa estabilización mobilizáronse ata o de agora 4 técnicos, 23 axentes, 38 brigadas, 29 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 3 avións. Ademais, solicitouse por parte da Xunta a incorporación aos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Entrimo-Venceáns

Segue tamén activo o lume rexistrado no municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns. Este incendio iniciouse onte ás 20.47 horas e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas, dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Nos labores de extinción deste incendio lévanse mobilizado, polo de agora, 5 técnicos,  26 axentes, 43 brigadas, 19 motobombas, 4 pas, 9 helicópteros e 11 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 05/09/2024