A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou hoxe da licitación desta intervención enmarcada no programa Rexurbe do Goberno galego

A Xunta investirá máis dun millón de euros na rehabilitación dun edificio en García Boente, en Ribadavia

María M. Allegue avanza o obxectivo de iniciar a principios do ano que ven as obras, que permitirán ofertar 5 vivendas de promoción pública no caso histórico do municipio

Indica que nos últimos ano a Xunta adquiriu en Ribadavia 7 inmobles, por valor de máis de 350.000 euros, dos que 178.000 destináronse á compra do edificio de García Boente

A través do programa Rexurbe a Xunta ten adquirido 93 inmobles en Galicia dos que se prevé obter arredor de 165 vivendas, estando xa 33 entregadas aos seus adxudicatarios

A conselleira pon en valor un “dos casos históricos mais fermosos de Galicia”, recoñecido como área de rehabilitación e declarado e Área Rexurbe, na que se segue avanzando na rehabilitación impulsando o Plan de dinamización de Ribadavia

Ribadavia (Ourense), 5 de setembro de 2024

A Xunta investirá máis dun millón de euros na rehabilitación dun edificio en García Boente, no concello de Ribadavia.

A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, deu conta hoxe no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadavia deste actuación, tras aprobar o Consello da Xunta o pasado mes de xullo a licitación, por mais de 3M€ para a rehabilitación de 4 edificios para 14 vivendas; 3 en Tui, 6 en Ourense e 5 en  Ribadavia.

Neste caso, tal e como indicou a conselleira, trátase da contratación neste histórico concello da comarca do Ribeiro, no marco do programa Rexurbe, as obras de rehabilitación dun edificio na Praza García Boente e que permitirá ofertar esas 5 vivendas de promoción pública no municipio.

María M. Allegue avanzou o obxectivo de iniciar as obras neste inmoble a principios do ano que ven.

A Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), adquiriu 7 inmobles, entre 2019 e 2021, por valor de máis de 350.000 euros, investindo neste edificio de García Boente 178.000 euros.

A conselleira destacou a importancia de actuacións deste tipo, coas que a Xunta “contribúe a devolverlle o esplendor a cascos históricos coma este de Ribadavia”, datado no século XI  e que foi declarado no 1947 Ben de Interese Cultural.

Martínez Allegue indicou que actualmente a Xunta ten adquiridos, a través do programa Rexurbe, 93 inmobles nos que se prevé obter arredor de 165 vivendas en Galicia. Concretou que destas actuacións de rehabilitación, xa foron entregadas 33 destas vivendas aos seus adxudicatarios.

A conselleira fixo fincapé en que, ademais do programa Rexurbe, o conxunto histórico de Ribadavia conta tamén coa declaración de ARI  (área de rehabilitación integral) desde o ano 1999; e no ano 2022 foi declarado, polo Consello da Xunta,  Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómica.

María M. Allegue, subliñou así como coa declaración de Área Rexurbe, Ribadavia se segue avanzando na rehabilitación “dun dos casos históricos mais fermosos de Galicia”.

Para iso, tal e como explicou a conselleira, un paso fundamental é o Plan de dinamización de Ribadavia, un instrumento de planificación que integra as actuacións a nivel arquitectónico para fomentar as políticas de rehabilitación de edificios e vivendas e a mellora do espazo público.

Iniciativas coma esta, remarcou Martínez Allegue, “contribúe á recuperación da actividade económica, atrae novos habitantes e ademais, é un garante da conservación dos valores patrimoniais da vila”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2024