A política económica da Xunta de Galicia priorizará todos aqueles proxectos vinculados coa enerxía, a auga e o talento

O secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia da Xunta compareceu na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para informar das liñas estratéxicas que seguirá o seu departamento

Indicou que a enerxía, a auga e o talento serán os tres piares que determinarán os proxectos prioritarios para a Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024

O secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia da Xunta de Galicia, Juan Carlos Reboredo Nogueira, compareceu hoxe no Parlamento galego na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, para informar das liñas estratéxicas a seguir polo seu departamento. Destacou que “se priorizarán” todos os proxectos de investimento estratéxicos e innovadores para Galicia que estean vinculados coa “enerxía, a auga e o talento”. Neste sentido, no caso dos tres “piares básicos” sinalados, Galicia dispón tanto de “vantaxes comparativas” coma dun “gran potencial de desenvolvemento”.

Así, no piar da enerxía destacou o investimento da Xunta en enerxía eólica, na descarbonización en polígonos industriais e portos e na produción de biogás. No relativo á auga, a produción de hidróxeno verde, a acumulación de enerxía e a inversión na acuicultura son obxectivos prioritarios. Por último, en canto ao talento como activo, sinalou á biotecnoloxía e á intelixencia artificial como os dous “polos tecnolóxicos” principais de Galicia.

Co fin de impulsar proxectos vinculados a estes tres piares, o secretario xeral indicou que a Xunta de Galicia conta con dúas “ferramentas básicas”, como son a Lei de recursos naturais de Galicia, da que deriva a sociedade Recursos Naturais de Galicia, e un “marco de certeza” para garantir unha tramitación áxil dos proxectos. Finalmente, Reboredo Nogueira indicou que o obxectivo último é “facilitar” a transición cara unha nova economía máis dinámica, sustentable e inclusiva impulsándose na innovación e o talento.

De recente creación, a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia da Xunta de Galicia foi impulsada polo presidente Rueda co fin de promover e coordinar a posta en marcha de proxectos estratéxicos para Galicia, apoiando e asesorando á Presidencia en materia económica. Nesta liña, en palabras do secretario xeral, a Oficina busca non só resultados “inmediatos”, senón tamén impactos de longo prazo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2024