O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na clausura da Asemblea xeral 2026 da Asociación de Empresarios do polígono ourensá
A Xunta reafirma en San Cibrao das Viñas a aposta polo talento e a colaboración público-privada como motores de emprego e competitividade
José González pon en valor a traxectoria da Asociación de Empresarios do Polígono como referente empresarial na provincia de Ourense e destaca o traballo desenvolvido durante os últimos anos polo seu presidente, José Antonio Rodríguez
Defende a necesidade de reforzar o diálogo e a procura de consensos ante os desafíos actuais do mercado e pon como exemplo a recente aprobación do novo plan integral de benestar laboral, que mobilizará máis de 45 M€ a través de 37 medidas
O Plan contempla, entre outros, apoios específicos para pemes e microempresas en materia de equipamento ergonómico, atención psicolóxica e musculoesquelética ou substitucións durante incapacidades temporais de longa duración
Fai fincapé na importancia de seguir potenciando a formación e atraendo talento nun contexto no que Ourense, con 111.548 cotizantes á Seguridade Social, rexistra a mellor cifra para este mes desde 2008
San Cibrao das Viñas (Ourense), 2 de outubro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, onde puxo en valor a traxectoria desta entidade como referente empresarial de Ourense e reafirmou o compromiso da Xunta coa actividade empresarial e coa colaboración público-privada.
Ademais, González destacou o traballo desenvolvido durante os últimos oito anos polo seu presidente, José Antonio Rodríguez, que concluíu hoxe o seu mandato, e agradeceu o seu compromiso coa representación das empresas do Polígono.
O titular de Emprego aproveitou a ocasión para defender ante os empresarios ourensáns a necesidade de reforzar o diálogo e a cooperación entre as administracións e as empresas. Así mesmo, reafirmou a vontade da Xunta de actuar como unha Administración facilitadora, que acompañe o tecido produtivo e contribúa a crear as condicións necesarias para que as empresas poidan medrar e xerar emprego de calidade.
Apelando á procura de consensos que guía o Goberno galego na implantación de políticas públicas, puxo como exemplo a aprobación esta semana no Consello da Xunta, do novo Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, froito do acordo alcanzado no marco do Diálogo Social con UGT-Galicia e a CEG.
A iniciativa mobilizará máis de 45 M€ a través de 37 medidas destinadas a reforzar a prevención, mellorar o benestar laboral e favorecer unha reincorporación saudable tras unha baixa. Destacou, ademais, que o Plan contempla, entre outras actuacións, apoios específicos para pemes e microempresas en materia de equipamento ergonómico, atención psicolóxica e musculoesquelética ou substitucións durante incapacidades temporais de longa duración. Ademais, a Xunta porá en marcha un mecanismo de acompañamento á reincorporación e unha Fiestra Única con asesoramento e formación para empresas e persoas traballadoras.
Talento aliñado coas necesidades das empresas
José González tamén fixo fincapé na importancia de seguir potenciando o talento como principal panca do mercado laboral, nun contexto no que a Comunidade acadou o pasado mes 1.127.967 afiliacións á Seguridade Social, o mellor setembro de toda a serie. No caso de Ourense, a provincia conta con 111.548 cotizantes, o maior número para este mes desde 2008.
Neste sentido, puxo en valor instrumentos autonómicos de formación para o emprego, como as accións formativas para persoas traballadoras desempregadas, ás que este ano se destinaron 60 M€, ou os programas integrados de emprego para concellos e entidades sen ánimo de lucro, que procuran fomentar a empregabilidade e aliñala coas necesidades do tecido produtivo. O conselleiro salientou igualmente as políticas de atracción de talento impulsadas pola Xunta, tanto a través da Estratexia Galicia Retorna e de programas como Retorna Cualifica Emprego, que facilitan o regreso de galegos residentes no exterior, como mediante iniciativas orientadas á incorporación de persoas traballadoras de terceiros países, sempre de xeito ordenado e planificado.