A Xunta pon de relevo na clausura dos ‘Ecommerce Days 2026’ a importancia de adaptar os negocios ás novas esixencias da clientela e dos mercados

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe en Pontevedra na segunda e última xornada do evento

Aproveitaron para poñer en valor o programa autonómico Xerme, que acada este ano a súa terceira edición da man do Clúster do Ecommerce Galego, destinado tanto a novos proxectos como a negocios existentes que aposten pola comercialización dixital

Pontevedra, 2 de outubro de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe na segunda e última xornada dos Ecommerce Days 2026, onde destacaron o apoio da Xunta á cita como punto de encontro de profesionais e negocios referentes no comercio e márketing dixital, ao tempo que salientaron a importancia de adaptarse ás novas esixencias da clientela e dos mercados. En concreto, a directora xeral moderou a mesa redonda Crear unha marca que dure décadas —centrada na creación, evolución e consolidación de empresas galegas— e, posteriormente, a secretaria xeral tomou parte na entrega dos II Premios do Ecommerce Galego.

No evento organizado en Pontevedra por Marketing4eCommerce e o Clúster do Ecommerce Galego, as representantes autonómicas puxeron en valor o programa autonómico Xerme. Esta iniciativa acada este ano a súa terceira edición, precisamente da man do Clúster, para apoiar tanto a novos proxectos como a negocios existentes que aposten pola comercialización dixital.

Con ese fin, inclúe dous niveis de formación, un de iniciación e outro avanzado, e atópase actualmente na terceira fase dirixida a preparar aos participantes en técnicas de comunicación e presentación. O itinerario culminará na celebración dun DemoDay no que cada proxecto poderá expoñer a súa iniciativa ante investidores, clientela e outros axentes do ecosistema emprendedor.

Entre os negocios participantes atópanse varios englobados no comercio de proximidade, un sector que tamén tivo o seu protagonismo nos Ecommerce Days 2026, entre outras a través da sesión Tendas do país, que contou con casos de éxito de comercio electrónico neste eido económico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2026