A Xunta e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais promoven oito xornadas informativas sobre seguridade industrial

A directora xeral de Estratexia industrial e solo empresarial, Margarita Ardao, asistirá ao primeiro destes actos de divulgación que terá lugar o vindeiro luns en Vigo

Os días 6 e 7 de novembro Santiago será a sede do primeiro congreso que se organiza na Comunidade galega sobre esta temática

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024

A Consellería de Economía e Industria promove en colaboración co Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) unha serie de xornadas informativas sobre seguridade industrial. En total serán oito relatorios que darán comezo o vindeiro luns en Vigo e chegarán a concellos como Ferrol, Ourense, Santiago, A Coruña e Lugo. O obxectivo desta actividade que se desenvolve no marco do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e o ICOIIG é concienciar e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia desta área de actuación.

Nesta liña, a directora xeral de Estratexia industrial e solo empresarial, Margarita Ardao, lembra que a seguridade industrial comprende aquelas actividades de prevención e limitación de riscos, ou protección contra accidentes e sinistros que poden producir danos e perdas ás persoas, os bens ou o medio ambiente, derivados da actividade industrial ou do uso, funcionamento e mantemento das instalacións ou dos equipos e da produción, almacenamento ou refugallo de produtos industriais. E porén, que as xornadas abordarán esta cuestión desde ámbitos tan diversos como o sector agroalimentario, o da automoción, o enerxético ou o sector mineiro.

Este mes celebraranse os tres primeiros relatorios coa participación das tres universidades galegas e no mes de outubro, terán lugar os encontros sectoriais. Así o programa de charlas arrancará o vindeiro luns 9 de setembro na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo e contará coa asistencia da directora xeral.

Primeiro congreso sobre seguridade industrial 

As actuacións conxuntas da Consellería de Economía e Industria e do ICOIIG inclúen ademais a celebración do primeiro congreso sobre seguridade industrial que se organiza na Comunidade galega, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro en Santiago de Compostela. Por engadido, ofreceranse guías prácticas e outras actividades orientadas a concienciar e sensibilizar sobre a importancia da seguridade industrial.

Este convenio de colaboración encádrase dentro do programa extraordinario de medidas en materia de seguridade industrial que a Xunta está levando a cabo neste ano 2024 para fortalecer este ámbito con actividades de fomento e difusión.

Data de actualización: 05/09/2024