A Xunta impulsa o achegamento aos oficios artesanais na Feira dos Remedios de Ponteareas

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou a XVI edición deste evento que se celebra ata mañá na vila pontevedresa e no que participan 10 obradoiros de Artesanía de Galicia

Ademais, a Xunta apoia demostracións en vivo, así como tres talleres gratuítos para iniciar o público na cerámica de torno, na pintura sobre madeira e sobre téxtil e na estampaxe coa técnica do gyotaku

Ponteareas (Pontevedra), 7 de setembro de 2024

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou, xunto a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a XVI Feira Tradicional dos Remedios, que se celebra ata mañá domingo en Ponteareas. A Xunta, coa colaboración da Asociación Galega de Artesáns (AGA), apoia este evento que está considerado como un punto referente de encontro para a comercialización do produto artesán galego e a divulgación dos oficios tradicionais, así como un motor do interese turístico da zona. 

Na edición deste ano, a Administración organiza tres obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos. Concretamente, o ceramista Carlos San Claudio (Vigo) impartirá un taller de iniciación ao torno cerámico; mentres que María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), encargaranse de introducir os asistentes no gyotaku, unha técnica tradicional xaponesa de estampaxe manual, realizando nesta ocasión aplicacións florais sobre teas. 

Pola súa banda, Leonor Díaz, de Como pez en el agua (Vigo), ofrecerá dous obradoiros diferentes. En horario de mañá dedicarase á decoración de marcapáxinas de madeira e pola tarde estará centrada na pintura téxtil, co obxectivo de fomentar a creatividade e levar unha peza decorada. 

Asemade, apoiánse tamén demostracións en vivo de dous obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia: Jorge Eiroa (Culleredo) -que fará unha demostración de forxa tradicional- e o Taller Verdecima (Mos), de talla de madeira. Os horarios, tanto dos obradoiros como das demostracións de oficios, será de 10,30 a 13,30 e de 16,30 a 19,30 h. 

Tanto a demostración de oficios como os obradoiros supoñen unha das vías máis efectivas para a achegarlle a artesanía á sociedade e, especialmente, aos máis pequenos. Deste xeito contribúese a fomentar o relevo xeracional, visibilizar a marca Artesanía de Galicia e a transmitirlle á sociedade os valores e o traballo que implican os oficios tradicionais.

Mercado de artesanía

A Feira Tradicional dos Remedios de Ponteareas é un evento anual no que se combina a comercialización do produto de Artesanía de Galicia, coa demostración de oficios tradicionais, a venda de produtos gastronómicos e actividades lúdicas relacionadas coa artesanía e coa música.

Este ano a Xunta impulsa tamén, en colaboración coa Asociación Galega de Artesáns (AGA), a organización dun pequeno mercado no que participan 10 expositores de Artesanía de Galicia especializados en oficios coma o coiro, a xoiería, a cerámica, a calceta e o gancho, a bixutería e mais os complementos de moda. Os expositores son Chorima (O Porriño), Taller O Sibeiro (Soutomaior), Cucapuntoes (Tui), María Aba (Ourense), Tony Artesán (Marín), El 8 es nuestro (Santiago de Compostela), Antolín Piel (Vigo), Joyas Madeira (Vilagarcía de Arousa), Meteora Handmade (Lugo) e Mestura de Kores (Vigo).

Como complemento á programación de actividades desta Feira Tradicional dos Remedios, a Xunta tamén colaborou nun taller de Arte Floral impulsado polo Concello de Ponteareas e celebrado entre o xoves e o venres. O obradoiro estivo impartido por  Carlos Curbelo, artista multidisciplinar cunha longa traxectoria na arte floral, gañador do Premio Nacional PRENAMO 2019 á Excelencia Profesional en Arte Floral e Estilismo. O taller estivo enfocado na montaxe de elementos decorativos de grandes dimensións con caída vertical.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2024