Lete destaca a figura de Juan Ferrón, diploma paralímpico nos seus primeiros xogos, que en Los Ángeles 2028 aspirará ás medallas

Subliña a importancia de historias como a de Juan, un rapaz que padeceu un retinoblastoma bilateral e que atopou no deporte “un estilo de vida e a súa fortaleza”

Mos (Pontevedra), 7 de setembro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na recepción realizada na piscina municipal de Mos ao nadador galego, Juan Ferrón, que vén de rematar a súa participación nos Xogos Paralímpicos de París cun diploma (7º) nos 100 metros bolboreta e un undécimo posto nos 400 libres da categoría S13 para persoas con discapacidade visual.

Lete Lasa destacou o grande nivel amosado por Juan Ferrón, que xa estivo a piques de competir en Toquío, pero que pecha a súa primeira experiencia paralímpica cun diploma e asegurou que en Los Ángeles 2028 o nadador galego “aspirará a todo”. Neste sentido, o mandatario galego subliñou a importancia de historias como a de Juan, un rapaz que padeceu un retinoblastoma bilateral e que atopou no deporte “un estilo de vida e a súa fortaleza”. 

Do mesmo xeito agradeceu o papel dos seus pais, ex xogadores profesionais de balonmán, dos seus adestradores, así como da súa antiga compañeira de baile de salón, deporte que facía antes de comezar a nadar, por ter apoiado a Juan ao longo de toda a súa traxectoria.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2024