A directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse esta mañá coa presidenta da Asociación Parque Natural do Eume, Natureza e Desenvolvemento

A Xunta avanza nos seus contactos con propietarios de terreos nas Fragas do Eume para ampliar a superficie pública do parque natural en 113 hectáreas

O departamento autonómico adquiriu 28 parcelas nos últimos meses, está a tramitar a compra de 95 máis e iniciou negociacións cos donos doutras 3

Marisol Díaz lembra que o Goberno galego está aberto a avaliar as fincas de todas as persoas interesadas en vender e solicita á entidade unha relación das actividades e usos máis frecuentes nos seus terreos para tentar clarificar as posibles dúbidas

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia avanza nas negociacións con propietarios privados de terreos nas Fragas do Eume co obxectivo de ampliar a actual superficie pública deste parque natural en 113 novas hectáreas. Así llo trasladou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, á presidenta da Asociación Parque Natural do Eume, Natureza e Desenvolvemento, Ángeles Pita, con quen mantivo unha reunión para abordar a situación dos propietarios particulares con terreos neste espazo natural aos que representa a súa entidade.

En concreto, a responsable autonómica explicou que a día de hoxe xa están moi avanzados os trámites para poder concretar proximamente a compra venda de 2 lotes cun total de 95 parcelas e unha extensión de 64,5 hectáreas. Ademais, engadiu que o seu departamento iniciou as negociacións cos propietarios doutras 3 fincas que suman unha superficie de 49 hectáreas.

En caso de que se materialicen todas estas operacións, Marisol Díaz incidiu en que o parque natural gañaría 113 novas hectáreas de terreos públicos, unha superficie que se sumaría tamén ás 28 parcelas cun total de 16,5 hectáreas que adquiriu xa a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nos últimos meses.

Tras lembrar a aprobación en 2023 do Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume —que conta coa particularidade de que máis do 80% da súa superficie está en mans privadas—, a directora xeral incidiu en que coa compra destes terreos o obxectivo da Xunta é realizar actuacións de conservación e restauración en zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico, eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas.

Con tal fin, o Goberno galego habilitou en 2024 un orzamento de 1,1 millóns de euros para afrontar este tipo de adquisicións e ten localizadas unhas 400 parcelas —entre elas, as case 100 que actualmente están sendo obxecto de negociación— para avaliar a súa posible compra e que pasen a reforzar as 1.840 hectáreas das Fragas do Eume que a día de hoxe son xa de titularidade pública.

En todo caso, Marisol Díaz recordou que a Xunta segue aberta a estudar as características das fincas de todos aqueles propietarios interesados en vender os seus terreos no parque natural para determinar se cumpren os requisitos necesarios para incorporarse á superficie pública.

De feito, trasladoulle á presidenta da asociación eumesa este compromiso, ao tempo que acordaron que a entidade elabore unha relación detallada das actividades e usos máis frecuentes nos seus terreos (cortas forestais, etc) co fin de tentar clarificar nunha futura reunión as posibles dúbidas dos propietarios con relación a cales se poden ou non autorizar ao abeiro do PRUX.

O Goberno galego considera de vital importancia realizar actuacións que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosque nas Fragas do Eume e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos degradados.

Ademais, esta medida enmárcase no compromiso da Xunta de facer compatible a protección e preservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio de grande riqueza, cunha actividade económica sostible por parte dos propietarios.

Data de actualización: 10/09/2024