O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, respondeu no pleno do Parlamento a unha pregunta relacionada coa sinistralidade laboral
A Xunta incide na xestión preventiva para diminuír os riscos laborais coa Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia
José González destacou que esta folla de ruta con horizonte 2027 foi aprobada en consenso unánime con patronal e sindicatos e é unha ferramenta transversal que atende ás situacións de riscos tradicionais e ás novas realidades do mercado laboral
Salientou o labor do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral con distintas accións que inciden na prevención e na concienciación ás empresas, entre elas campañas específicas en sectores como, o forestal, o da construción ou o pesqueiro
Outros aspectos aos que o Goberno galego presta especial atención son o seguimento e control, a formación interna do persoal técnico especializado neste control e os novos desafíos derivados da transición dixital, demográfica e ecolóxica
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, manifestou hoxe o compromiso total da Xunta coa prevención de riscos laborais, a seguridade e a saúde laboral. Así o sinalou no pleno do Parlamento, no marco dunha resposta a unha pregunta sobre este tema, onde tamén expuxo que o Goberno galego incide na xestión preventiva para diminuír os riscos laborais coa Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027.
Ademais, José González lembrou que esta folla de ruta foi aprobada no 2023 en consenso unánime con patronal e sindicatos e que é unha ferramenta transversal que atende tanto ás situacións de riscos tradicionais como ás novas realidades do mercado laboral. Deste xeito, busca reducir gradualmente os sinistros naqueles sectores máis afectados e diminuír os riscos a través da prevención.
A isto engadiu que a súa implementación está sendo positiva e sinalou que no que vai de ano se rexistraron 14.591 accidentes de traballo con baixa en xornada laboral en contraposición dos 29.156 que se rexistraron en todo o ano 2023.
Campañas específicas
Neste campo, destacou o labor do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) a través de distintas accións que inciden na prevención e na concienciación ás empresas. Unha tarefa, subliñou, que a Administración autonómica considera prioritaria, sobre todo, en sectores como o forestal, o da construción ou o pesqueiro e afíns, entre outros.
De feito, engadiu, o Issga desenvolve campañas específicas segundo o sector que transmiten a importancia de exercer a prevención. Neste ámbito, puxo como exemplo a campaña de sensibilización para a mellora da identificación das enfermidades profesionais das mariscadoras e redeiras co obxecto de que reciban atención sanitaria axeitada e de que sexa recoñecido o dereito de saúde laboral destes colectivos. Tamén a campaña da guía forestal para asegurar a seguridade nos aproveitamentos forestais en zonas perigosas.
Outros aspectos ao que o Goberno galego presta especial atención, engadiu o conselleiro, son o seguimento e control, a formación interna do persoal técnico especializado neste control, así como aos novos desafíos derivados da transición dixital, demográfica e ecolóxica. O obxectivo é facer efectiva a seguridade e a saúde no traballo do xeito máis eficaz posible, subliñou.