O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou no acto de presentación da oferta formativa do CNTG

A Xunta avanza na flexibilización da formación para o emprego en coordinación cos sectores estratéxicos para dar resposta ás demandas do mercado laboral

Cunha oferta de 2.540 prazas, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia deu a coñecer a programación do novo curso, deseñada tendo en conta a demanda do propio sector tecnolóxico galego en áreas como a IA, a ciberseguridade ou os servizos na nube

Durante a súa intervención, José González puxo en valor que as TIC, polo seu carácter transversal, actúan como un motor fundamental de desenvolvemento económico, impulsando a produtividade e a innovación

Destacou, asemade, o compromiso estratéxico da Xunta por axeitar a formación para o emprego aliñada coas necesidades de talento por parte das empresas, sincronizando así a oferta e a demanda laboral para reducir vacantes

O CNTG forma parte da rede de centros públicos de formación para o emprego dependentes da Xunta, cuxo obxectivo é mellorar as capacidades profesionais dos cidadáns para facilitar a súa empregabilidade e inserción no mercado laboral

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no acto de presentación da oferta formativa que se impartirá no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) durante o presente curso 2024-2025 e que ten como obxectivo dar resposta á alta demanda de talento especializado neste sector estratéxico. Situado en Santiago e dependente da Xunta, o CNTG desenvolve accións formativas dirixidas a traballadores do sector TIC galego e desempregados con interese en incorporarse ao mesmo. Cunha oferta de 2.540 prazas, o que supón un incremento do 40% respecto do pasado curso, a programación foi deseñada tendo en conta a análise e demanda do propio sector consultado a comezos de ano. Incorporará, así, formación adaptada ás necesidades do mercado, en áreas como a intelixencia artificial, a ciberseguridade ou os servizos na nube, e con horarios adaptados aos traballadores para facilitar a súa participación.

Durante o acto -no que tamén estaba presente o director do CNTG, Carlos Vázquez, e ao que asistiron representantes das principais empresas do sector- o titular de Emprego puxo en valor que as TIC, polo seu carácter transversal, actúan como un motor fundamental de desenvolvemento económico, impulsando a produtividade e a innovación. Neste senso, destacou que a programación formativa presentada hoxe contribuirá a fortalecelo e facelo aínda máis competitivo a través da formación dun colectivo profesional dinámico e tecnicamente preparado, que saiba dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos campos do tecido produtivo da nosa Comunidade, relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.

José González puxo en valor, así mesmo, o compromiso da Xunta por avanzar cara a un mercado laboral no que a oferta e a demanda vaian aliñadas para xerar maiores oportunidades e cubrir as vacantes, atendendo ás necesidades reais do tecido produtivo. Nesa liña, avogou pola necesidade de flexibilizar a formación para o emprego, buscando que sexa máis áxil, inmediata e que estea sincronizada co talento que buscan as empresas. Por iso, remarcou, no eido da formación para o emprego o Goberno galego tamén vai da man con cada sector estratéxico, a través de convenios cos principais clústeres galegos e entidades representativas do tecido produtivo, entre eles o sector TIC.

O titular de Emprego compartiu tamén que Galicia está apostando de xeito pioneiro polas microformacións como unha ferramenta estratéxica para fomentar máis e mellor emprego de calidade, garantir que as persoas teñan os coñecementos, capacidades e competencias que precisan para acceder a novas oportunidades ou recapacitarse para avanzar na súa vida profesional. Este compromiso compleméntase tamén coa modernización que se está realizando no Servizo Público de Emprego e que -a través dunha ferramenta tecnolóxica como o software EMi- permitirá realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas para mellorar a súa empregabilidade e axudar ás empresas a localizar os perfís que necesitan.

Rede de centros públicos de formación para o emprego

A programación do CNTG enmárcase na oferta formativa que -cun orzamento de máis de 7 millóns de euros- se impartirá este curso no total de 14 centros dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración das catro provincias galegas e cuxo obxectivo é mellorar as capacidades profesionais dos cidadáns para facilitar a súa empregabilidade e inserción no mercado, satisfacendo as demandas das empresas.

As accións formativas, correspondentes aos graos B e C -certificados de competencia e profesionais respectivamente-, están destinadas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas. Tamén poderán participar persoas traballadoras ocupadas, inscritas en mellora de emprego, ata un límite do 30% do total de participantes de cada lote, sempre e cando as prazas non se cubran co alumnado en situación de desemprego. Os cursos -que contarán cun máximo de 15 alumnos e alumnas- agrúpanse en 16 familias profesionais, entre elas, administración e xestión, especialidades agrarias, comercio e marketing, fabricación mecánica, seguridade e medio ambiente ou transporte e mantemento de vehículos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2024