O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destacou que a comarca de Lemos duplicará o número de prazas en casas do maior coa apertura destes tres novos centros

A Xunta impulsa a creación de tres novas casas do maior nos concellos lucenses de Sober e Bóveda

A Xunta destina 185.000 euros ao impulso destes novos recursos de atención diúrna ás persoas maiores

O concello de Sober contará cunha nova casa do maior e en Bóveda abrirán dúas

O responsable da Xunta visitou os futuros centros acompañado polo alcalde de Sober, Luis Fernández, e o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias

Como novidade, as responsables das casas do maior contarán cunha axuda complementaria de 150 euros semanais por maternidade

Sober (Lugo), 12 de setembro de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe os concellos lucenses de Sober e de Bóveda acompañado polos seus alcaldes, Luis Fernández e José Manuel Arias. Nestes municipios a Xunta está a impulsar a creación de tres novas casas do maior, dun total de 20 novas coas que contará Galicia a finais deste ano.

O concello de Sober contará cunha casa do maior para dar servizo a cinco persoas, que se emprazará na antiga casa do conserxe do colexio público Virxe do Carme. A Xunta destinará máis de 60.000 euros para a posta en marcha e funcionamento deste novo recurso de conciliación nos próximos dous anos.

Pola súa banda, o concello de Bóveda contará con dúas novas casas do maior, que suman 10 prazas de atención diúrna, e que se localizarán nas parroquias de San Fiz de Rubián e na de Bóveda. Estes centros recibirán en conxunto máis de 120.000 euros para a súa creación e desenvolvemento da súa actividade.

O director xeral destacou que a comarca de Lemos duplicará a súa oferta de prazas en casas do maior con estas tres novas aperturas, xa que actualmente contra con outros tres centros deste tipo no concello de O Saviñao. En total haberá 30 prazas dispoñibles para as familias que viven nesta Comarca.

A Xunta destina 1,3 millóns de euros a esta convocatoria que permitirá a posta en funcionamento de 100 prazas 100% gratuítas en todo Galicia para persoas maiores de 60 anos que viven en concellos de menos de 5.600 habitantes que non contan con servizos de atención diúrna.

Galicia rematará o ano con 143 casas do maior, 27 na Provincia de Lugo. Unha medida pioneira que Executivo autonómico comezou a implantar no ano 2018 e na que desde entón leva investidos 22,4 millóns de euros. Os promotores destes recursos reciben subvencións para as obras de acondicionamento dos inmobles nos que prestarán o servizo, para o mantemento da actividade e para o desprazamento dos usuarios. Así mesmo e como novidade, esta orde establece unha axuda complementaria de 150 euros semanais nos casos de baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada da casa do maior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2024