A Xunta presenta ao director da AESIA a aposta de Galicia pola intelixencia artificial e o texto da Lei que se discutirá proximamente no Parlamento

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia mantivo un primeiro encontro con Ignasi Belda no que lle ofreceu colaboración por parte da Administración Autonómica

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2024

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, reuniuse esta semana co novo director da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, Ignasi Belda, ao que trasladou a benvida por parte da Administración autonómica e ofreceu colaboración.

O representante da Xunta presentou ao director da AESIA todo o traballo realizado por Galicia no seu obxectivo de se converter nunha rexión europea de referencia en Intelixencia Artificial. Neste sentido, lembrou que o adianto neste traballo foi posible grazas a que Galicia foi unha das tres primeiras autonomías españolas en atender a demanda europea de dispoñer dunha estratexia propia de IA.

Julián Cerviño lembrou a importancia estratéxica da IA en Galicia en aspectos como o achegamento dos ámbitos rural e urbano, a xestión dun territorio diverso cunha poboación moi dispersa e a prestación de servizos esenciais como a saúde, a educación ou a atención a maiores. Tamén informou sobre a aposta pola especialización tecnolóxica  e a creación, atracción e retención de talento, de acordo co eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Nesta aposta enmárcase a tramitación da primeira lexislación rexional de Europa sobre intelixencia artificial. Julián Cerviño explicou ao director da AESIA os contidos desta lei que será discutida proximamente no Parlamento de Galicia.

Data de actualización: 14/09/2024